Liberan o cabalo localizado en montes de Cuntis con cadeas nas patas
Por Redacción
A Policía Autonómica liberou o cabalo avistado con cadeas nas súas patas nos últimos días en Monte Xesteiras, entre os municipios de Cuntis e Valga. A liberación produciuse en tan só 24 horas, segundo informaron a asociación Animalista Libera e a Fondation Franz Weber, que foron as entidades que alertaran da presenza do equino.
Despois da liberación dos elementos de maltrato, agora a Policía Autonómica céntrase na busca do autor dos feitos. Segundo Libera, trátase dun gandeiro que non identificou o animal conforme ao preceptivo decreto autonómico, e que podería enfrontarse a unha multa de 60.000 euros.
Ademais, dende Libera indican que á persoa que colocase as cadeas ao animal poderían imputarlle un delito de maltrato animal, xa que estes elementos de inmobilización están terminantemente prohibidos e o seu uso pode combaterse co Código Penal.
Neste sentido os animalistas recordan como en apenas tres anos se documentaron 126 casos de malos tratos a cabalos a través da colocación das coñecidas popularmente como "pexas", pero tamén cadeas e cordas que dificultan o movemento dos animais e chegan a provocar graves feridas e mesmo a mutilación das patas.
Dende a Asociación Animalista Libera e Fondation Franz Weber explican que esta liberación e denuncia foi posible grazas á colaboración cidadá, e animaron ambos os dous colectivos a que os senderistas, ciclistas e calquera persoa que transite polos montes da comunidade remitan os casos á liña de denuncia habilitada para tal efecto e onde o envío é confidencial e anónimo. A liña é accesible dende internet e permanece dispoñible 24 horas todos os días do ano.
Relacionadas:
-
O eixo Pontevedra-Moaña lidera as denuncias por cabalos con 'pexas' que recibe a asociación Libera
Por Redacción |
-
Propoñen crear un santuario para cabalos en Pontevedra
Por Redacción |
-
Localizan un cabalo en Cuntis cun 'entresijo' de cadeas atado nas patas dianteiras
Por Redacción |
-
Detectan máis cabalos con cepos en Cotobade e Vilaboa
Por Redacción |