Concentración dos traballadores de Diario de Arousa para denunciar "reiterados atrasos" nos salarios
Por Redacción
Partidos politicos, sindicatos e representantes de distintos sectores económicos e sociais da comarca de Arousa apoiaron este luns os traballadores de Diario de Arousa na concentración convocada para "denunciar os reiterados atrasos no pagamento dos salarios" do equipo.
A concentración repetiuse en todas as localidades nas que teñen a súa sede as cabeceiras do grupo xornalístico La Capital (El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Bergantiños, Deporte Campeón e Diario de Arousa), pois a política laboral que denuncian os traballadores e sindicatos é, segundo aseguran, común a todo o grupo.
No caso do diario arousano, os traballadores denuncian atrasos no pagamento das nóminas dende hai varios meses e que a empresa débelles o pagamento dunha paga extra e a metade doutra. A situación complícase se se ten en conta os continuos recortes de salario que sufriron nos últimos meses e que están actualmente no segundo Expediente de Regulación de Emprego Temporal (ERTE).
Ademais, os profesionais sinalan que a empresa "ameaza" con máis recortes sen que, a cambio, os traballadores vexan que teña un plan que garanta a vialidade do xornal.
A concentración realizada na mañá deste luns contou coa presenza dos traballadores (na actualidade hai 17 profesionais e o equipo directivo) e, en apoio e solidariedade, voluntarios de Protección Civil de Vilagarcía, sindicatos sanitarios, traballadores de Lantero e a residencia Valle Inclán, hostaleiros, sindicalistas de CIG e UGT e representantes de partidos políticos como PSdeG-PSOE, BNG, Esquerda Unida, Podemos e Somos Maioría.
Ademais, o equipo recibiu o respado do Sindicato de Xornalistas de Galicia, que se solidariza coas súas "xustas" reivindicacións e esixe á empresa "que cumpra cos traballadores do mesmo xeito que eles están a cumprir coa empresa nos seus postos de traballo" e "lles dean aquilo que lles pertence por pleno dereito, que son os seus soldos íntegros". Ademais, reclaman un plan de viabilidade consensuado entre a empresa e os representantes dos traballadores para asegurar a viabilidade da mesma e o mantemento dos postos de traballo en condicións dignas.
Relacionadas:
-
Os traballadores de Diario de Arousa afrontan dous días de folga contra despedimentos e impagos
Por Redacción |
-
Os traballadores de Diario de Arousa van á folga e piden apoio social nunha concentración na rúa
Por Redacción |
-
Os traballadores de Diario de Arousa irán á folga o 23 de xaneiro
Por Redacción |
-
Os traballadores de Diario de Pontevedra convocan unha semana de folga
Por Redacción |