Cando aprobar non é o máis importante
Por Oskar Viéitez
Este mércores presentáronse públicamente as campañas de promoción que alumnos de último curso do Grao en Publicidade e Relacións Públicas puxeron en marcha en colaboración con organizacións sociais de Pontevedra ao abeiro da materia Comunicación Solidaria.
O resultado, dez accións comunicativas coas que tentaron proxectar o labor destes colectivos comprometidos coa defensa das persoas menos favorecidas, "conseguindo uns resultados extraordinarios dos que estamos moi orgullosos", apuntou Juan Manuel Corbacho, decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.
As propostas desenvolvidas teñen un carácter heteroxéneo pois cada equipo traballou en función das necesidades e demandas de comunicación de cada colectivo.
Así, asociacións como Alba, que loita por unhas mellores condicións para persoas con enfermidades mentais crónicas, ou Alcohólicos Rehabilitados non contaban con ningunha ferramenta de comunicación que visualizara o seu labor, polo que o estudantado "partiu de cero" e creoulles páxinas web, blogs e ata un manual de identidade corporativa "para profesionalizar o seu cometido".
Noutros casos, como coa asociación Amizade ou coa Rede Axuda o alumnado optou por unha estratexia máis arriscada desenvolvendo accións transgresoras na rúa co obxectivo de concienciar á cidadanía sobre as problemáticas sociais.
Colectivos como a Fundación Secretariado Xitano ou Aspace Galicia, que dá apoio ás familias con persoas afectadas pola parálise cerebral, demandaron unha campaña de captación de voluntariado, mentres que Meniños, asociación dedicada á protección dos dereitos dos nenos e nenas, nomeou a Pontevedra Cidade Solidaria coa Infancia grazas a unha proposta de relacións públicas pensada por alumnado da facultade pontevedresa.
Outras como a Asociación Down Pontevedra, Implicados no Desenvolvemento ou Amencer preferiron accións en redes sociais ou o deseño de cartelería para promocionar o seu labor.
Juan Manuel Corbacho tamén defendeu esta postura e sinalou que a ubicación do campus, "un pouco escorada", non evita que a facultade e a institución en xeral "se sinta implicada e parte da cidade".