Un detido por intentar matar un veciño de Ponte Sampaio regándoo con gasolina
Por Natalia Puga
Un veciño de Soutomaior de 50 anos foi detido e posto a disposición xudicial este martes como suposto autor dun delito de homicidio en grao de tentativa por presuntamente intentar matar un coñecido, veciño da parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio. Chegou a regalo con gasolina, pero non prenderlle lume grazas á intervención das testemuñas do incidente.
Os feitos aconteceron a primeira hora da tarde do sábado 25 de outubro nun bar de Arcade (Soutomaior) e, segundo puideron descubrir os investigadores da Garda Civil que levaron o tema, teñen detrás un motivo de celos.
Ao parecer, o detido podería estar celoso da relación da súa parella sentimental coa presunta vítima. No medio dunhas malas relacións por estes motivos, ambos os dous varóns encontráronse nas inmediaciósn do citado bar de Arcade e comezaron unha discusión na que o agora detido proferiu frases amenazanes indicando ao seu opoñente que ía matalo.
O detido podería estar celoso da relación da súa parella sentimental coa presunta vítima
A presunta vítima entrou correndo no bar e, nun momento dado, cos clientes e traballadores do establecemento como testemuñas, o agora detido colleu unha garrafa de gasolina e rociouno, segundo informou a Garda Civil de Pontevedra.
Os camareiros e clientes suxeitárono e impediron que lle plantase lume e a continuación deuse aviso do sucedido á Garda Civil, que abriu unha investigación para localizar o autor do intento de homicidio. As indagacións deron os seus froitos este martes e o veciño de Soutomaior J.M.O.L. foi detido e posto a disposición do Xulgado de Garda de Redondela este mesmo martes, ao tempo que se localizou nun vehículo de propiedade unha lata de gasolina.
Tras tomarlle declaración, o xuíz de garda determinou a súa posta en liberdade imputado por homicidio en grao de tentativa, pero fixoulle unha orde de afastamento que lle impide achegarse á súa presunta vítima.