Amplían un mes máis as exposicións na rúa 'Pontevedra desde o río' e 'A Ferraría'
Por Redacción
As exposicións Pontevedra desde o río e A Ferraría, que están colocadas diante da Audiencia Provincial e na praza do mesmo nome, respectivamente, serán prorrogadas polo menos un mes máis.
Segundo o goberno municipal, tomouse esta decisión ante a a gran cantidade de xente que aínda se detén nelas para contemplalas.
Pontevedra desde o río é unha mostra realizada pola Asociación de Veciños de San Roque coa colaboración municipal e reflexa fotografías antigas da cidade en relación coa ría e os ríos Lérez, Rons e Gafos, colección que se converte nunha crónica retrospectiva da vida urbana dos últimos cen anos.
A Ferraría, pola súa banda, é a última das oito exposicións que desde o inicio do verán ocuparon os cubos instalados na Praza de Ourense. Trátase dunha mostra que recolle en cinco áreas temáticas a historia deste simbólico e importante espazo urbano, organizada polo Arquivo Municipal e comisariada polo seu director, Enrique Sotelo.