Vilagarcía outorga licenza municipal para ampliar o Hospital do Salnés
Por Redacción
O Concello de Vilagarcía ven de outorgar licenza municipal para o proxecto da Xunta de Galicia de ampliar o Hospital do Salnés. Na concesión da autorización faise constar, iso si, a necesidade de corrixir as discrepancias de lindes detectadas no proxecto.
A obtención da licenza municipal de construción é un trámite preceptivo para que a Consellería de Sanidade poida executar a obra. Esta é a causa pola que o estudo do proxecto e a tramitación da licenza se axilizaron ao máximo e se concedeu licenza, pese a que os técnicos municipais detectaron discrepancias entre os lindes territoriais que figuran no proxecto de ampliación respecto aos que constan no Concello.
O Consello da Xerencia de Urbanismo dou esta semana o seu beneplácito á construción despois de estudar o proxecto presentado pola administración autonómica. Segundo informan dende o Concello, o trámite realizouse coa maior brevidade a efectos de que a demandada obra non acumule máis demoras e de que a Consellería de Sanidade dispoña de todos os permisos e teña todo disposto para poder empezar a obra tan pronto como a teña adxudicada.
Por outra parte, o Concello de Vilagarcía busca alternativas para a creación do novo aparcamento público, xa que o actual será ocupado polas obras. O alcalde xa contactou cos catro propietarios con terreos dispoñibles na zona (as comunidades de montes de Rubiáns e Baión, e Marconsa e Fundiciones Rey) para coñecer a súa dispoñibilidade, e os servizos ténicos están estudando individualmente a idoneidade de cada parcela atendendo á súa superficie útil, capacidade para aparcamentos, tendo en conta os viais a realizar en función da forma dos terrenos, as necesidades e custe de desmontes en base aos desniveis, ou á distancia ao hospital.