Os traballadores do Hotel Galatea denuncian coaccións por parte do propietario e convocan unha folga
Por Redacción
A asemblea de traballadores do Hotel Galatea decidiu convocar unha folga para os días 21, 22 e 23 de outubro con motivo do distanciamento coa dirección da empresa, que pretende levar a cabo un expediente de extinción de emprego (ERE) para os 24 traballadores que actualmente conforman o plantel desta empresa situada en Sanxenxo e que teñen, de media, idades superiores aos corenta anos.
Os representantes sindicais de CIG e CC.OO., Diana Rodríguez e José Luis García Pedrosa, e a delegada de persoal, Paula Pazos, expuxeron este venres que o propietario da entidade coacciona os empregados obrigándolles a asistir a unha reunión "porque os sindicatos non informaban ben de como ía a empresa", indicou o secretario comarcal de Comisións Obreiras. Tamén denuncian que mantivo conversacións con cada traballador para saber se ían sumarse á folga.
Os representantes sindicais denunciaron estes feitos ante a Inspección de Traballo coa intención de que se sancionen estas prácticas que os traballadores consideran coercitivas e sinalan que a situación a están a levar "bastante mal, nerviosos e preocupados".
Os sindicatos agardan que, nos próximos días, se retomen as negociacións sobre o ERE cuxo prazo finaliza o 23 de outubro e esperan que se leve a cabo a mediación por parte do Consello Galego de Relacións Laborais, que a propia empresa solicitou. Diana Rodríguez, da CIG, insiste en que a solución pasa por un ERE suspensivo pero rexeita por completo a posibilidade de que se despida a toda o persoal para que despois o hotel poida ser vendido a outro empresario ou para que abra de novo, dentro dun tempo, tras desfacerse dos empregados actuais.
Afirman, ademais, que cos datos económicos do hotel "non hai razóns obxectivas para convertilo nun hotel de temporada".
Relacionadas:
-
CC.OO reclamará á Inspección de Traballo que prosperen as denuncias contra o propietario do Hotel Galatea
Por Redacción |
-
Acordo no conflito laboral do Hotel Galatea, que finalmente despedirá a 16 traballadores
Por Redacción |
-
CC.OO. pide á Inspección de Traballo que evite o boicot da folga prevista no Hotel Galatea
Por Redacción |
-
Denuncian que o propietario do Hotel Galatea quere despedir os seus 24 traballadores como represalia
Por Redacción |