CC.OO. pide á Inspección de Traballo que evite o boicot da folga prevista no Hotel Galatea
Por Redacción
Aumenta a tensión no Hotel Galatea, a raíz da denuncia por parte de Comisiones Obreras, de que a familia Prieto, propietaria do establecemento de Sanxenxo, está a trasladar a seis traballadores doutro hotel para intentar así boicotear a folga convocada para os días 21, 22 e 23 desta semana.
Un recepcionista, dúas camareiras de piso e tres camareiros comezaron a prestar servizo no Hotel Galatea dende este domingo procedentes do Hotel Canelas, propiedade tamén da familia Prieto, segundo denuncia CC.OO, que entende que se trata dunha manobra ilegal coa intención de vulnerar os dereitos dos traballadores. O sindicato considera que intentan facer unha cesión ilegal de traballadores dun centro a outro para vulnerar o dereito constitucional de folga.
José Luis García Pedrosa, secretario comarcal de CC.OO., afirma que esta situación se suma ao "intento de enganar os traballadores para que cambiasen os contratos fixos en fixos discontinuos para que non cobrasen a prestación por desemprego durante seis meses nin ningún outro tipo de retribución".
Os traballadores teñen aberto un enfrontamento coa empresa que presentou un ERE extintivo por causas económicas que, a xuízo dos sindicatos e do persoal, non responde a causas reais e que ten como obxectivo "realizar a venda do hotel nas mellores condicións e sacar da operación os maiores beneficios, aínda que sexa vulnerando a lexislación, e deixando na rúa a un equipo que ten unha media de idade que se achega aos 50 anos".
CC.OO. esixe á Inspección de Traballo que, de inmediato, atenda a denuncia interposta e, desta forma, se atenda aos dereitos dos empregados do Hotel Galatea.
Relacionadas:
-
CC.OO reclamará á Inspección de Traballo que prosperen as denuncias contra o propietario do Hotel Galatea
Por Redacción |
-
Acordo no conflito laboral do Hotel Galatea, que finalmente despedirá a 16 traballadores
Por Redacción |
-
Os traballadores do Hotel Galatea denuncian coaccións por parte do propietario e convocan unha folga
Por Redacción |
-
Denuncian que o propietario do Hotel Galatea quere despedir os seus 24 traballadores como represalia
Por Redacción |