Viaqua pon en marcha a figura do 'Defensor do cliente', destinada a potenciar o diálogo cos usuarios
Por Redacción
Viaqua puxo en marcha un sistema de arbitraxe baseado na mediación para, segundo expoñen dende a empresa, atender ao cliente como unha prioridade absoluta. Trátase da figura do Defensor do Cliente, que está destinada a potenciar o diálogo cos clientes desta compañía, actuando con imparcialidade fronte ás partes.
Segundo manifesta Viaqua, garántese a confidencialidade da información e a independencia respecto ás áreas de xestión. Entre as funcións que terá o Defensor do Cliente destaca a análise personalizada de cada reclamación que recibe dos clientes que non están de acordo coa resposta que recibiron por parte da empresa, identificar e propoñer melloras de procedementos de atención ao cliente.
Ademais, tamén ten como obxectivo promover o diálogo con grupos de interese como asociacións de consumidores, asociacións de veciños e organismos públicos vinculados ao consumo.
Precisamente, nos últimos días, na Dirección Xeneral de Industria e Comercio da Xunta de Galicia mantívose un encontro entre a presidenta do Instituto Galego de Consumo, Sol María Vázquez, e o Director de Concesións de Viaqua, Julio Masid, acompañado polo Defensor do Cliente do Grupo, Lluis Martínez e polo Director de Clientes da Área Centro Norte, Juan Rey.