Localizan un posible petróglifo no muro de peche dunha casa da Armada, en Salcedo
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Un membro do equipo técnico que traballou ata hai unhas semanas na intervención arqueolóxica do Castro das Croas, dirixida pola empresa A Citania Arqueoloxía e promovida polo Concello de Pontevedra, localizou hai uns días un posible petróglifo na parroquia de Salcedo. No caso de que se confirme a súa orixe, solicitarase a súa catalogación.
Desgraciadamente, o gravado non se atopa in situ, senón na cara externa dun sillar do muro de peche da finca dunha casa no lugar de A Armada, na parroquia de Salcedo. Ademais está mutilado: trátase duns círculos concéntricos (unha cazoleta central con dous círculos concéntricos cortados pola metade) e sete cazoletas.
Segundo algúns veciños, a pedra coa que se construíu o muro pertencía á casa anterior que había nese lugar e que foi derribada para construír a nova, aproveitando a pedra para o muro de peche, do que se pode deducir que o petróglifo, probablemente, en orixe, era da propia parroquia de Salcedo.
O mérito deste novo achado, segundo o goberno municipal, é da Concellaría de Patrimonio Histórico por teren apostado por un equipo multidisciplinar, que incluía un antropólogo e un responsable das gravacións audiovisuais, algo que non é o habitual nas intervencións arqueolóxicas. Isto traducíuse nun completo rexistro documental e videográfico do folclore e dos aspectos sociais e económicos relacionados co castro.
Membros do equipo técnico proseguiron o traballo de campo unha vez rematada a intervención arqueolóxica, o que deu como resultado, entre outras cousas, a localización deste petróglifo.
A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia e a Asociación de Veciños Heroes do Campo da Porta xa foron informados deste achado.