A Facultade de Ciencias Sociais, pioneira no sistema universitario galego en acreditar a súa calidade académica
Por Oskar Viéitez
A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do Campus de Pontevedra é a primeira do sistema universitario galego en acreditar os catro títulos que imparte.
A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (Acsug) decidiu poñer en marcha un proxecto piloto para que un centro de cada rama do coñecemento das tres universidades galegas comece de xeito voluntario este proceso de acreditación da súa oferta académica.
A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación foi a representante da Universidade de Vigo neste proxecto experimental que serviu como guía para facilitar o proceso ao resto dos centros, anticipándose un ano.
Son tres graos e un máster que son os primeiros en conseguir a acreditación positiva da Acsug
Tras os procesos de verificación e de seguimento que pasaron os títulos de grao e máster das universidades galegas nos últimos anos, o próximo curso 2014-2015 comezará a terceira fase, a de acreditación, que se implantará con dous anos de atraso por unha moratoria do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.
O reitor Salustiano Mato e a decana de Ciencias Sociais, Emma Torres, presentaron este xoves en rolda de prensa os resultados positivos deste exame final que cun ano de adianto superou positivamente esta facultade pontevedresa. Son tres graos e un máster que son os primeiros en conseguir a acreditación positiva da Acsug.
Entre os aspectos que a Acsug considera mellorables cítanse á necesidade de contar con máis recursos humanos, e entre os méritos destacados sinálanse, as instalacións da facultade, a mobilidade dos estudantes, a comunicación profesor-alumno e a acollida empresarial das prácticas externas.
Tras a verificación dos plans de estudo e o posterior seguimento anual de cada título, as titulacións de grao teñen que renovar a súa acreditación cada 6 anos e as de máster cada 4 para poder seguir impartíndose.