Ciencias Sociais e da Comunicación, primeiro centro da Universidade en someter a exame as súas titulacións
Por Redacción
A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación converteuse nesta xornada no primeiro centro da Universidade de Vigo que somete a exame a súa oferta académica de cara a obter a acreditación das súas titulacións. ÿ ademais o primeiro centro da Universidade en iniciar a terceira fase do proceso de implantación das titulacións de grao e posgrao.
No marco dun proxecto piloto da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), despois de que os diferentes estudos oficiais de grao e máster superasen a verificación previa á súa implantación e o posterior proceso de seguimento, a partir do próximo curso chegará o momento acreditar esta oferta académica.
A facultade do campus pontevedrés inicia hoxe este labor cun curso de adianto, segundo verificou a comisión de avaliación que durante as xornadas de martes e mércores manterá encontros con profesorado, alumnado e titulados do centro pontevedrés.
Tras a verificación dos plans de estudo e o posterior seguimento anual de cada título, as titulacións de grao teñen que renovar a súa acreditación cada 6 anos e as de máster cada 4 para poder seguir impartíndose.
O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, subliñou que esta experiencia á que se somete "de xeito voluntario, nun xesto valente", a facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, se trata de "proceso no que aprenderemos todos".
Salustiano Mato, xunto ao vicerreitor en funcións de Alumnado, Docencia e Calidade, Ignacio Barcia, a futura vicerreitora de Organización Académica e Profesorado, Ana Graña, e o equipo decanal do centro, participaron na recepción da comisión avaliadora nomeada pola ACSUG e que preside o profesor Javier González, da Universidade de Salamanca.
Para o reitor, o obxectivo final destes procedementos, cos que se culmina o "difícil proceso" de adaptación das titulacións ao Espazo Europeo de Educación Superior, é dar un "impulso fundamental ao labor docente, que é a principal función das universidades e sobre o cal se debe cimentar a nosa imaxe de marca e o noso futuro".