O alcalde de Cambados informou aos empregados sobre a adxudicación temporal da piscina
Por Redacción
O alcalde de Cambados, Luis Aragunde, reuniuse este luns co plantel de empregados para informalos dos termos do contrato coa empresa Hallton Life que entrará en vigor este mércores 1 de outubro, para a xestión temporal da piscina, comezando a computar o tempo para que os traballadores volvan a cobrar con normalidade. Os empregados poderán solicitar anticipos se os precisan.
O Concello vai asinar a adxudicación do contrato temporal de explotación da piscina municipal por un periodo de dous meses, prorrogables por outros 30 días, mentres se mantén a espera de que culmine a tramitación do contrato definitivo por 10 anos. A empresa Hallton Life foi a única que se presentou e completou os requisitos esixidos, de maneira que garante a continuidade da actividade e mais o cobro dos salarios polo periodo acordado.
Hallton Life foi garante a continuidade da actividade e mais o cobro dos salarios polo periodo acordado
Os empregados son os grandes perxudicados desta situación derivada da crise que afectou á firma Gimnasios Pazos. O Concello recoñece o bo facer do plantel, que segue prestando o servizo malia o transcurso de varios meses sen cobrar o soldo.
Coa adxudicación temporal o goberno local entende que cumpriu co seu compromiso cos traballadores e agora continuarase a tramitación destinada á contratación definitiva da xestión da piscina municipal.
O Concello abriu a pasada semana o concurso para adxudicar a xestión da piscina municipal por un importe de 3.473.311 euros, tal e como recolleu o Diario Oficial de Galicia (DOG). Deste xeito, ábrese un prazo de quince días naturais para que as empresas interesadas no contrato de explotación poidan presentar as súas ofertas. O procedemento é aberto e a súa tramitación ordinaria, de maneira que se garante a libre concorrencia de todas as firmas que o desexen, a fin de atopar a mellor oferta para os intereses municipais.
O Pleno da Corporación xa aprobou as bases da convocatoria aberta para unha concesión que se ofrece por un prazo de 7 anos prorrogables por outros 3 máis. Se non se presentan ofertas á primeira adxudicación, publicaríanse outras bases.