"Menos festa e máis traballo", reclama o persoal da piscina de Cambados tras tres meses sen cobrar
Por Redacción
Tres meses de atraso no cobro dos seus salarios. ÿ a situación na que se atopan os traballadores da piscina de Cambados, que este mércores aproveitaron a inauguración da Festa do Albariño para dar unha maior visibilidade ao seu conflito laboral. Baixo o berro "menos festa e máis traballo", o persoal das instalacións seguiron ás autoridades polo seu tradicional percorrido polos stands situados no Paseo da Calzada.
Os 17 traballadores afectados, ante a imposibilidade de se reuniren coa empresa, está centrando os seus esforzos en lograr o apoio veciñal e dos usuarios mediante a recollida de sinaturas. Pero este mércores conseguiron falar co alcalde da vila, Luis Aragunde, ao que este colectivo lle esixe responsabilidades ao tratarse dunhas instalacións que están cedidas á empresa en réxime de concesión.
O alcalde aseguroulles que "en 15 ou 20 días" vai revogar a concesión ao Grupo Pazos, e que "o día seguinte os traballadores van cobrar". Pero segundo a CIG eludiu respostar se convocará un concurso ou mesmo se son certos os rumores de que a mesma empresa podería facerse de novo coa concesión mediante outro CIF, unha posibilidade que desde o sindicato nacionalista cualifican de "escandalosa".
A empresa ten expresado en varias ocasións a imposibilidade de continuar coa concesión por non conseguir facer fronte ao sobregasto enerxético provocado por un buraco na cúpula, e que asumiu finalmente o Concello nunha contía de 100.000 euros anuais.
"Son 17 postos de traballo de xente nova da comarca e un servizo público para cerca de 400 persoas", insisten na CIG, ademais de advertir de que se é o concello quen vai sufragar os gastos dos arranxos "non ten sentido que logo entregue as instalacións a unha empresa privada para que sexa esta quen saque os beneficios".