Peche sindical no Centro Penitenciario da Lama
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Seis representantes sindicais levaron a cabo durante este mércores 24, festividade da Merced, un encerro no local sindical situado no interior do Centro Penitenciario da Lama durante a celebración da patroa que se desenvolvía no salón de actos coa presenza de autoridades. Os representantes de CC.OO., UGT, CSIF, ELA e FSP denuncian a política de recortes que está a asumir o Goberno coa intención de privatizar determinados servizos nestes centros.
José Carlos Moreno, de CC.OO., indicaba que non teñen que celebrar nada nesta xornada porque están a sufrir recortes e cobran un 25% menos do que cobraban hai 3 anos e denuncian que non se substitúen as xubilacións porque non se convoca a oferta de emprego público. O voceiro sindical lamentaba a precariedade nas condicións laborais que están a experimentar os funcionarios da prisión durante os últimos anos.
Afirman que se está a privatizar o servizo de seguridade exterior das prisións co conseguinte temor porque se poidan chegar a producir incidentes. Neste sentido comentaba Carina López, representante do CSIF, incidía en que "esto es una prisión, aquí hay gente peligrosa" sinalando que non se poden adoptar criterios economicistas a unha cuestión esencial como a privación da liberdade.
Dende os sindicatos reclaman que o Goberno negocie cos representantes dos funcionarios de prisións fórmulas que impidan o retroceso nos dereitos laborais que están a denunciar e afirman que partimos dunha situación que vén dada por malversación de caudais públicos dende o poder político e o solucionan privatizando para facer negocio".
Actualmente no cárcere da Lama traballan menos de 400 funcionarios a través dun sistema de quendas para atender unha poboación de 1.500 reclusos. Os sindicatos consideran moi reducido o número de funcionarios para atender aos internos e, por este motivo, continuarán realizando actos de protesta coa intención de que se estableza un diálogo coa administración que permita paralizar as últimas decisións destinadas á privatización de servizos dentro dos centros penitenciarios.