O concelleiro de Deportes rexeita as acusacións do PP sobre a falta de axudas aos clubs deportivos en 2013
Por Redacción
O concelleiro do Partido Popular, César Abal, e o coordinador da área de deportes do comité executivo do PP, Tomás Abeigón, denunciaron esta mañá que o goberno local non deu cobertura aos clubs deportivos da cidade a través das axudas económicas que o Concello concede a través do Instituto Municipal de Deportes (IMD) para as competicións e as actividades deportivas.
En concreto, os representantes do Partido Popular indican que na modalidade de competicións non se concederon axudas no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño de 2013. Na área de actividades deportivas, o período sen cobertura estenderíase dende o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro.
Tomás Abeigón indicou que os clubs sobreviven grazas ás subvencións que reciben e, por ese motivo, encontra inxustificable que "se carguen de un plumazo el pago del primer semestre de 2013". O responsable popular de Deportes indicou que"no creo que al actual concejal de Deportes, Agustín Fernández, le hiciese ninguna gracia que le pagasen su abultado sueldo un año más tarde e incluso le suprimieran una parte de él". Engadiu que os clubs deportivos da cidade non merecen ese trato e que están a gardar silencio por temor a represalias. Segundo os populares, os 67 clubs da cidade deixaron de ingresar máis de 145.000 euros en competicións deportivas e ao redor de 50.000 euros polas actividades deportivas.
Por este motivo, o concelleiro César Abal anunciou que presentarán un escrito ante a secretaría do IMD para entender os motivos desta falta de cobertura de axudas durante estes períodos.
RESPOSTA DO CONCELLEIRO DE DEPORTES
Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Agustín Fernándezrespondeu que "ningún club de Pontevedra perdeu cartos en 2013. Cobraron o mesmo que en anos anteriores e mesmo máis. Que digan que club e canto". Fernández explicou que en lugar de computar os períodos, para ver as axudas outorgadas hai que comprobar o total anual, debido ao cambio no cobramento xa que antes se realizaba atendendo ao ano fiscal e agora execútase en relación co ano deportivo. O concelleiro socialista indicou que ningún club sufrira unha mingua nas subvencións ao contrario do que sucedeu coas "axudas da Deputación e da Xunta".