A pista de tenis o aire libre de Chan da Barcia será de uso gratuíto e de acceso libre
Por Redacción
A pista de tenis ao aire libre situada nas inmediacións de Chan da Barcia (Ponte Caldelas) poderase utilizar, a partir de agora, libre e gratuitamente para a práctica deste deporte. Así o anunciou o Concello de Ponte Caldelas despois de que concluísen as obras de reforma e acondicionamento das instalacións.
A pista volve estar a disposición dos usuarios totalmente gratis como ata agora, e para a súa utilización non será necesario reservar hora, posto que poderá ser usada libremente por calquera persoa. Xa non será necesario solicitar a chave da porta, ao permanecer sempre aberta.
Con esta medida preténdese facilitar o seu uso sen que teña que estar pendente un operario municipal de abrir ou pechar a porta e dáse unha oportunidade aos usuarios para que autorregulen o seu uso dun xeito eficaz e participativo.
Perfecto Rodríguez espera que se faga un uso responsable por parte de quen utilice a pista polideportiva ao aire libre que permita a suficiente rotación na súa utilización, evitando abusos e sobre todo impedindo que se provoquen danos á pista.
O Concello de Ponte Caldelas incluíu estas obras no Plan da Deputación Provincial, cun investimento total de 30.000 euros.