O PSOE denuncia en Fiscalía contratacións de Aragunde e Cores Tourís no Concello de Cambados
Por Natalia Puga
A Fiscalía da Audiencia Provincial de Pontevedra ten sobre a mesa unha denuncia que podería salpicar a xestión municipal do actual alcalde de Cambados, Luis Aragunde, e do seu antecesor no cargo, o actual delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís. Varios membros do PSdeG-PSOE da localidade entregaron este martes un completo informe con documentación na que denuncian presuntas irregularidades en materia de retribucións (gratificacións e complementos de productividade) aos traballadores municipais e na contratación de traballadores temporais ou os servizos dun arqueólogo que se prolongarían no tempo nas etapas dos dous últimos alcaldes.
A voceira dos socialistas cambadeses, Fátima Abal, asina a denuncia presentada ante a Fiscalía de Delitos Económicos e que recaeu na fiscal Marta Durántez. Diríxea contra todas aquelas persoas que ao longo da investigación poidan resultar penalmente responsables polos feitos que se denuncian e contra o alcalde Aragunde.
En declaracións públicas realizadas tras presentar a documentación, a voceira local do PSOE explicou que algunhas desas xestións poderían estenderse á época como alcalde de Cores Tourís, pois se prolongan dende o ano 2001, pero rexeita detallar máis, pois quere que previamente "el fiscal examine y diga si es o no constitutivo de delito". Non pon nome a ese delito á espera de que o fiscal se manifeste.
A denuncia dos socialistas cuestiona a xestión municipal por poñer en marcha esas contratacións e retribucións, pero, sobre todo, por facelo a pesar da existencia de reparos de Intervención. A Alcaldía levantou continuos reparos da interventora municipal para realizar pagamentos de retribucións e gratificacións aos traballadores e facturas ao arqueólogo.
A denuncia dos socialistas reprocha a existencia de reparos de Intervención e que a Alcaldía os levante
En relación cos pagamentos aos traballadores municipais, a documentación entregada na Fiscalía refírese aos anos 2013 e 2014. Neste período sinalan que Luis Aragunde ditou resolucións de Alcaldía nas que "sistematicamente levanta os reparos expostos pola Intervención" en relación coa confección e contido dos conceptos que se reflicten nas nóminas dos traballadores do Concello, tanto funcionarios coma persoal laboral. Refírense a gratificacións por horas extraordinarias e a complementos de produtividade.
Como exemplo, poñen un informe de Intervención relativo ás nóminas do mes de novembro de 2013 no que se reflicte que o número máximo de horas extraordinarias que se poden realizar ao ano é de 80, entre xaneiro e novembro de 2013 algúns traballadores xa acumulaban 240, 242, 222, 251, 131 ou mesmo 335 horas extra.
Estes reparos de Intervención levantados refírense ao pagamento de gratificacións determinados funcionarios como o capataz municipal ou persoal da Policía Local, que se realizan de forma mensual por cantidades moi similares, o que, a xuízo do PSOE, "as converte nunha remuneración periódica". No caso do persoal laboral, a denuncia detalla situacións similares relativas ás auxiliares de Secretaría, Intervención ou Urbanismo, así como os operarios de obras e persoal eventual como o secretario do Gabinete da Alcaldía e sinala que en ningún caso consta informe e petición razoada previa sobre a necesidade de realizar os servizos prestados fóra do horario laboral.
O PSOE leva este ano cinco queixas ante o Valedor do Pobo porque se lle nega documentación municipal
En canto ás contratacións temporais, a denuncia do PSOE inclúe informes de Intervención do ano 2013 nos que se indica que hai unha serie de contratos referidos a funcionarios de reforzo, arquitecto ou persoal da Área de Rehabilitación, que se "veñen prorrogando de forma tácita", o cal formula, a xuízo de Fátima Abal, "unha situación non só irregular senón de clara fraude de lei que podería desembocar na súa conversión en indefinidos". Extrapolan estas denuncias a outras áreas como Orientación de Emprego ou Animación Sociocultural.
Ademais, fan especial referencia á figura do arqueólogo municipal, ao que aseguran que se lle fai un "contrato absolutamente irregular" no que non existe expediente de contratación, senón que se lle contratou verbalmente a pesar de estar prohibido na Administración Pública. Abóaselle mensualmente unha factura de 1.454,44 euros dende o ano 2003 por prestación de servizos, "todo iso sen cobertura legal". A pesar da existencia de informes contrarios ao pagamento destas facturas, mantense no tempo.
Fátima Abal decidiuse a levar estes feitos ante a Fiscalía porque consideran que é o momento "ahora que al PP se le llena la boca hablando de transparencia" pero en municipios como Cambados "no paran de ocultar datos". De feito, os socialistas teñen presentado no que vai de ano cinco queixas ante o Valedor do Pobo porque se lles negou a documentación á que terían dereito en función da súa acta de concelleiros. Queren que "los ciudadanos sepan lo que está pasando en el Ayuntamiento".