As obras de canalización de auga e gas cortan o tráfico na praza de Galicia e Loureiro Crespo
Por Redacción
A cidade vivirá nas vindeiras xornadas cortes de tráfico a causa de diversas obras que se están a acometer nos servizos da auga e o gas. A rúa Loureiro Crespo verase afectada o martes e o mércores e o entorno da praza de Galicia dende o martes ata o venres.
Segundo informa a Policía Local de Pontevedra, no caso da praza de Galicia, as restricións veñen motivadas polas obras que a empresa concesionaria Viaqua está a desenvolver para facer a rede separativa de augas pluviais.
En concreto, quedará pechado ao tráfico o acceso á rúa Peregrina e a avenida de Vigo por Andrés Mellado dende as 8.00 horas deste martes ata o venres 5 de setembro. Este corte non afectará a residentes nin servizos e habilitarase un desvío provisional para uso exclusivo destes.
No caso do entorno de Loureiro Crespo, o peche será o martes e o mércores por mor de obras de canalización de gas. Afectará ao acceso dende a rotonda de Xosé Malvar-Loureiro Crespo cara a Casimiro Gómez todos os días entre as 08.00 e as 19.30 horas.
Co fin de facilitar a mobilidade do tráfico garántese un carril de circulación entre o Hospital Provincial en Loureiro Crespo e a rotonda situada entre Xosé Malvar e Doce de Novembro. As obras de canalización atravesan a calzada, se ben garántese un carril de saída.