Un detido polo incendio intencionado do aparcadoiro de Montero Ríos
Por Redacción
A Policía Nacional detivo o suposto responsable do incendio que na noite do 2 de agosto obrigou a desaloxar os aparcadoiros de Montero Ríos e da Praza de España e mantivo o primeiro pechado durante 20 días. Trátase dun veciño de Pontevedra de 30 anos con antecedentes policiais que está en liberdade por estes feitos.
Segundo informou a Policía Nacional, o home é o suposto responsable de ter provocado de forma intencionada un incendio nun vehículo da marca Audi 100 que estaba estacionado dende algún tempo antes no aparcadoiro subterráneo de Montero Ríos.
Tras o incendio, abriuse unha investigación que rematou con este mozo identificado e detido este martes 26 de agosto ás 11.25 horas. Agora os feitos están en mans do Xulgado de Garda, ao que se entregou todo o atestado policial.
Os feitos sucederon sobre as 23.23 horas do 2 de agosto. O lume comezou no Audi e o fume xerado provocou grande alarma, acrecentada por tratarse dunhas instalacións subterráneas, e obrigou a desaloxar todo o aparcadoiro de Montero Ríos e as instalacións contiguas da Praza de España.
A empresa estima os danos e prexuízos causados polo incendio en 250.000 euros
As lapas sufocáronse rapidamente, pero as súas consecuencias prolongáronse e a empresa concesionaria do aparcadoiro estima os danos e prexuízos causados polo incendio en 250.000 euros.
O suceso obrigou a actuar aos Bombeiros de Pontevedra, que extinguiron as lapas, e as policías Local e Nacional, que aseguraron a zona e desaloxaron a instalacións para garantir a seguridade e evitar males maiores. Aínda que inicialmente a apertura se fixou para só uns días despois do incidente, a gravidade dos danos foi maior da prevista, o que obrigou a ir atrasando a data ata o venres día 22 de agosto (o sábado 9 para os residentes ou subscritores con praza fixa de aparcadoiro).
Relacionadas:
-
O aparcadoiro de Montero Ríos recupera a normalidade
Por Redacción |
-
O aparcadoiro Alameda permite o acceso a residentes e subscritores pero atrasa uns días máis a súa apertura
Por Redacción |
-
Duro enfrontamento entre PP e goberno municipal polo incendio do parking de Montero Ríos
Por Alejandro Espiño |
-
Desaloxan o parking de Montero Ríos e Praza de España tras incendiarse un coche no seu interior
Por Alejandro Espiño |