Pillan ebrio e sen carné a un condutor do guindastre de Sanxenxo
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo abriu un expediente á concesionaria do guindastre despois de que a Garda Civil sometese un dos condutores deste servizo a un control de alcoholemia na rúa Progreso e ofrecese un resultado positivo durante o mércores 20. O condutor contratado pola adxudicataria do servizo para o reforzo durante o verán carece, ademais, de permiso de condución dende o pasado mes de febreiro por orde do Xulgado do Penal número 2 de Pontevedra ao ter perdido os puntos.
O home de 45 anos deu unha taxa de 1.40 mg/l. cando a taxa de alcoholemia permitida é inferior a 0,5 gramos por litro de sangue ou a 0,25 miligramos por litro de aire expirado. O condutor ía acompañado por un axente da policía local que, segundo o Concello de Sanxenxo, non detectou a priori anomalía ningunha. O vehículo foi inmobilizado polos axentes da Garda Civil e a Policía Local contactou coa concesionaria para que outro traballador substituíse o infractor.
Segundo o concelleiro de Seguridade Cidadá de Sanxenxo, Salvador Durán, "Isto é algo inaudito e intolerable. Son uns feitos gravísimos que caen como un xerro de auga fría nun Concello que se caracteriza pola súa implicación á hora de controlar e concienciar á cidadanía acerca do riscos que levan este tipo de accións".
Durán indicou que o prego do concurso convocado polo goberno local especifica que os condutores empregados deben estar capacitados para o desempeño da súa función. O tema está a ser analizado polos servizos xurídicos municipais para estudar as medidas que se van emprender contra a empresa adxudicataria do servizo de retirada de vehículos.
O contrato coa empresa concesionaria finaliza o 31 de decembro pero o goberno local de Sanxenxo xa tomou a decisión de non o prorrogar un ano máis, como estaba considerado no concurso.