O demo incita os nenos a facer maldades para participar na súa Festa do sábado
Por Redacción
"O demo" lanza unha mensaxe de socorro: está canso e necesita axuda para realizar maldades. Este sábado 23 chega a XIV edición da Festa do Demo, que durante a mañá se iniciará nos Arcos de San Bartolomé a partir das 12.30 horas e, pola tarde, comezará o percorrido ás 20.00 horas seguindo a tradición de que os nenos tiren do rabo do demo aínda que, nesta ocasión, Xosé Manuel Esperante, o actor que se pon na pel do representante infernal, pide que os máis pequenos se atavíen para formar parte do seu séquito e poder cometer falcatruadas e burlarse de todos polo centro histórico da cidade.
Na mañá deste xoves 21 presentábase no Concello de Pontevedra a edición deste ano coa presenza da concelleira de Festas, Carme dá Silva, e coa agrupación musical Os Chichisos que, a partir das 21.30, serán os protagonistas da Foliada do Demo acompañando o grupo Os Modernos na Praza de Curros Enríquez. Segundo explicaron, este espazo conta con mellor acústica que a praza do Teucro para grupos que non utilizan amplificación. "A filosofía é que a xente vaia e que baile", indicou Xosé Feijóo de Os Chichisos, que chanceou sinalando "non somos o Circo do Sol".
A Festa do Demo é un evento tradicional de Pontevedra que se perdera a mediados do século XX e que foi recuperado hai máis dunha década.