Ferido un ciclista nun atropelo no acceso a Vilagarcía
Por Redacción
Un mozo resultou ferido este xoves e tivo que ser trasladado ao hospital tras sufrir un atropelo cando circulaba en bicicleta nos accesos a Vilagarcía de Arousa.
Segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, o sinistro produciuse xusto antes das dez da mañá á altura do número 11 da avenida de Rubiáns. Por causas que se descoñecen, un turismo atropelou un ciclista, que quedou tirado na marxe dereita da calzada.
O aviso chegou en primeiro lugar a Urxencias Médicas de Galicia 061, que alertou o 112 e trasladou ao lugar a unha ambulancia. Ademais, ao lugar acudiron axentes da Policía Local e persoal do Servizo de Emerxencias e Protección Civil de Vilagarcía.
Segundo o Servizo de Emerxencias, o ciclista sufriu rozaduras a consecuencia da caída polas que tivo que ser trasladado en ambulancia ao Hospital do Salnés para recibir atención médica.