Queda restablecido o tráfico no ámbito da Alameda tras os cambios das Festas da Peregrina
Por Redacción
Ás 12.15 horas deste mércores quedou restablecido o tráfico no ámbito da Alameda despois das restricións que estiveron operativas durante as dúas últimas semanas para permitir a celebración das Festas da Peregrina e a instalación das atraccións.
As rúas Raíña Victoria e Alameda estaban pechadas ao tráfico dende o 5 de agosto e este mércores abríronse con total normalidade. A Policía Local anunciou a apertura e recoñeceu que houbo pequenas retencións, pero ningún problema circulatorio. Estas normalidade foi posible porque se reforzou a sinalización en toda a zona.
Esas pequenas retencións atribúense a que os condutores estaban despistados no primeiro día de cambios. Ademais, a medida implica cambios noutras rúas da zona e permitiu retirar a prohibición do estacionamento nas rúas Martitegui, Alameda e Raíña Victoria.
Unha das rúas afectadas é Palamios, que xusto antes das festas pasou a ter un único sentido de circulación que agora se consolida. Dende este mércores, é definitivo o cambio que a converte nunha vía de dirección única, dende San Roque con saída a Raíña Victoria.
Ademais, Ribeira dos Peiraos e a rúa paralela, marxe esquerda e dereita da desembocadura do Río dos Gafos, ven modificada a dirección que tiñan ata agora situación para a que tamén se reforzou a sinalización nas zonas de entrada e saída.
A marxe esquerda, dende San Roque a Ponte Novo, na zona da Confraría de Pescadores, xa é de dirección única cara a Palamios, mentres que ata o momento tiña sentido único con saída en San Roque. A marxe dereita, dende a Avenida de Marín ata Ponte Novo será de dirección única e de saída cara á Avenida de Marín, ata agora esta rúa tiña dobre dirección de entrada e de saída.