Xapón tamén se rende ante o albariño
Por Redacción
A Festa do Albariño de Cambados pechou a súa edición número 62 e a máis internacional de todas. A expansión que está a ter o caldo homenaxeado viuse reflectido en dous dos momentos centrais da súa festa deste ano. O Capítulo Sereno do Albariño irmandouse coa Confraría dos Enófilos do Vinho de Carcavelos, cámara municipal de Oeiría (Portugal) e conta entre os seus novos Cabaleiros co embaixador de Xapón en España, Satoru Satoh.
Satoru Satoh foi investido este domingo Cabaleiro del Capitulo Serenísimo do Albariño no acto solemne celebrado no patio de armas do Pazo de Fefiñáns no que tamén foi nomeado o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, que en 2013 declinara o nomeamento tras producirse o accidente do tren Alvia en Angrois tan só unha semana antes.
O xurista cambadés presidente do Consello Consultivo de Galicia, José Luis Costa Pillado; o histórico enólogo Jesús Requena; e o bodegueiro Eulogio Pomares Botana, das adegas Zárate e Fillos, completaron o listado de Cabaleiros do Albariño 2014. As novas Damas que recibiron a súa capa foron a investigadora oncóloga Marisol Soengas e a bodegueira Rosa Ruiz.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, exerceu un ano máis como gran mestre do Capítulo, mentres o alcalde de Cambados, Luis Aragunde, asumiu as funcións de Copeiro Maior do Salnés nun acto no que se quixo recoñecer a colaboración dos que axudan na "tarefa de abrir novos mercados e ampliar expectativas de futuro para os viños da denominación Rías Baixas".
O Capítulo Serenísimo entregou, ademais, as follas de prata do Albariño a Celestino Pintos, da adega Ouso da Torre; Yayo Daporta, xefe de cociña do restaurante do seu mesmo nome e Estrella Michelín; Emilio Ucha Duro, de adegas Pazo Pondal do Condado; Xurxo Lobato, fotógrafo; e Julián González Areal, das adegas Canónigo Areal. E, como Albariñense de Honra, este ano recoñeceuse a Cámara de Comercio de Vilagarcía, presidida polo cambadés Miguel Falcón Noya.
Tras o acto solemne de nomeamentos e imposicións celebrouse a comida oficial da Festa do Albariño, na que este ano se outorgou os dous primeiros premios a viños de adegas do Rosal: Abadía de San Campio (primeiro) e Quinta de La Erre (segundo).
Lagar da Costa, de Castrelo (Cambados) levouse o terceiro premio dunha festa que este ano, polo mal tempo, se viu máis deslucida que en edicións anteriores, pero que, unha vez máis, serviu como elemento dinamizador do rei dos viños brancos e encheu Cambados de xente e festa durante cinco días.
Relacionadas:
-
Arrancan en Cambados os días grandes dos albariñenses
Por Redacción | Creada e actualizada