Paralizan a reparación da ponte da Xunqueira de Alba polo seu estado de deterioro
Por Redacción
A rehabilitación da ponte peonil da Xunqueira de Alba non será posible. Nada máis comezar os traballos, os técnicos municipais comprobaron que as vigas principais que suxeitan a estrutura da ponte están podres e non son reparables. Aínda que o Concello dispoñía dun informe técnico que avalaba a reparación e non a substitución da ponte, o levantamento do entarimado do chan revelaron esta situación.
Esta nova situación obrigou a valar toda a ponte e as súas tres entradas, colocando a correspondente sinalización de prohibido o paso dado que hai risco de derrubamento. Ademais iniciarase a tramitación da contratación da nova pasarela, un proceso que se poderá demorar unhas semanas.
Tamén nestes traballos previos comprobouse que tanto a instalación como a construción da ponte non foron as máis idóneas. As balaustradas de metal eran demasiado pesadas para a estrutura, o entarimado non tiña a ancoraxe idónea aos piares e as vigas non presentaban a conservación que debera logo de pasar só 14 anos da instalación, entre outras cousas.
De feito, logo de acordar a paralización e substitución da ponte, os técnicos municipais supervisarán as zapatas para confirmar que teñan o estado de conservación adecuado para soportar unha nova estrutura.
O proxecto está por facer pero dende o goberno municipal óptase por unha ponte acorde co hábitat do ENIL da Xunqueira de Alba, aínda que non coas dimensións do actual, porque non é necesaria para o uso que ten.
Nestes días tamén se definirá se desmontarán a estrutura actual antes ou á par da instalación da nova ponte, dado que a intendencia para desmontala é bastante custosa.