Bará avanza que as obras do AVE finalizarán en cuestión de días e lamenta as molestias causadas
Por Redacción
As obras do AVE no tramo urbano de Pontevedra entraron xa na súa recta final. Así o avanzou este martes o concelleiro Luis Bará. Asegura que tanto a empresa como o Ministerio de Fomento lles comunicaron que "faltan poucos días" para a conclusión destes traballos cos que se está a adaptar a estación de RENFE e as vías ferroviarias para a chegada do Tren de Alta Velocidade.
Bará recoñece que foron unhas obras "non exentas de dificultades, tensións e conflitos". Recordou que o Concello de Pontevedra chegou a chamar a atención a Fomento para que atendese as peticións dos veciños, tras as explosións sen aviso en Médico Ballina e os estragos que deixaban ao seu paso.
O edil nacionalista lamenta que os veciños padecesen durante tanto tempo as "incomodidades e molestias" que provocaron estes traballos. Sobre todo nesta última etapa, onde os arredores da estación estiveron a sufrir os ruídos do traballo nocturno, o paso de camións e as continuas poeiras. Precisamente tres cuestións polas que os veciños se plantaron este luns.
O goberno municipal entende que a situación se complicou ante o "acelerón final" destas obras. Fomento comezou xa a retirar os materiais acumulados na zona e procederase estes días a asfaltar Otero Pedrayo e posteriormente a rúa Entrevías. Só quedarán os traballos de electrificación das vías, que segundo Bará, xa non deberían xerar problemas de convivencia cos veciños da zona.
NOVOS ESPAZOS PÿBLICOS
Na súa comparecencia, Luis Bará tamén explicou os plans do goberno municipal para aproveitar os espazos públicos que Fomento cederá ao Concello como consecuencia dos "falsos túneles" que se construíron no tramo urbano. Trátase de espazos similares aos da actual pasarela de José Adrio. Serán en total máis de 6.000 metros cadrados que se destinarán a zonas verdes e espazos de lecer.
Están situados en 12 de novembro (1.585 metros cadrados), A Seca (3.522 metros cadrados) e Médico Ballina (1.601 metros cadrados). A previsión é que, mentres non se recepcionen eses terreos, Fomento vale esas zonas con peches de seguridade, salvo no primeiro dos casos, no que se solicitará que se retranquee o valado para que quede unha zona de paso peonil para mellorar a seguridade vial na zona.
O obxectivo final será urbanizar a parcela do 12 de novembro para crear un espazo de esparexemento na zona, que incluirá dous novos pasos de peóns. Unha actuación similar farase na Seca e Médico Ballina, dous barrios onde ademais se instalarán pantallas antirruído para reducir as molestias que pode chegar a causar o paso do tren pola zona. A todo iso haberá que sumar o acondicionamento da senda fluvial do Gafos afectada polas obras.
Relacionadas:
-
A nova cuberta do tren na Parda converterase en zona verde e espazo deportivo
Por Natalia Puga |
-
Ana Pastor confirma a creación dunha Vía Verde no antigo trazado do tren entre Arcade e Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Afectados polas obras do AVE bloquean os traballos para esixir máis seguridade
Por Redacción |