Pontevedra concentrarase o martes contra o "xenocidio en Palestina"
Por Redacción
Mentres día a día crecen por decenas as vítimas civís da 'operación Marxe Protectora' lanzada por Israel contra os grupos armados de Gaza e o Estado xudeu avisou xa os habitantes de determinadas zonas do norte da Franxa para que abandonen as súas casas, a rabia contra os últimos acontecementos esténdese por todas as cidades galegas. En Pontevedra, sacará os cidadáns á rúa o próximo martes 15 de xullo contra o "xenocidio en Palestina".
A concentración, ás 20.00 horas na praza da Peregrina, repetirase en todas as cidades galegas convocada pola Coordinadora Galega pola Paz, unha rede da sociedade civil nacida con motivo da guerra de Irak en 2001, formada por ONGs, fundacións, partidos políticos e sindicatos, de carácter aberto e plural.
Este colectivo quere manifestar publicamente o seu "rexeitamento máis absoluto das accións xenocidas" do goberno sionista de Israel en contra do pobo palestino, particularmente, en contra da poboación civil da franxa de Gaza.
Para a Coordinadora Galega pola Paz resulta imprescindible a presión da sociedade civil e da cidadanía, diante das súas propias institucións e das do goberno israelí co obxecto de "impedir esta nova matanza", por iso fan un chamamento á solidariedade para co pobo palestino, e de apoio ás súas "xustas demandas de autodeterminación e creación dun Estado propio".
Nesta liña, demandará declaracións de solidariedade e condena por parte do Parlamento de Galicia, do Estado e de Europa, así como dos Concellos, para remitir ó goberno israelí, á embaixada e os consulados de Israel en España.
Relacionadas:
-
Pontevedra di "non ao xenocidio" en Palestina
Por Redacción |
-
Mar de Lumes cumpre o seu primeiro ano e renova o compromiso internacionalista e solidario
Por Redacción |
-
Miguel Fernández Lores enfúndase unha "palestina" para criticar a "limpeza étnica" en Gaza
Por Alejandro Espiño |
-
Velatorio 'indignado' contra a masacre en Gaza
Por Natalia Puga |
-
"O machaque ao pobo palestino aseméllase moito aos métodos de Hitler contra os xudeos"
Por Alejandro Espiño |