Aparece en Curro o cura de 73 anos desaparecido de Caldas
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Bruno Luppi, o cura dos Pais Somascos de 73 anos que estaba a ser buscado en Caldas de Reis, foi localizado a última hora da tarde deste martes nas inmediacións da peaxe da autoestrada AP-9 en Curro (Barro) en perfecto estado de saúde.
O home estaba a ser buscado dende mediodía por voluntarios de Protección Civil, efectivos da Garda Civil e veciños de Caldas tanto pola zona urbana coma polos arredores e accesos ao municipio tras denunciarse a súa desaparición por parte do colexio San Fermín, no que realizou actividade docente varios anos e agora se atopaba pasando uns días.
Segundo os datos achegados por Protección Civil de Caldas, no operativo de busca implicáronse 16 voluntarios de Caldas, varios efectivos de Cuntis e uns 30 cidadáns. Os veciños centráronse en peitear a zona urbana e os voluntarios no Camiño de Santiago e as marxes do río Umia.
Durante o tempo que durou a busca recibíronse numerosas chamadas e informacións de cidadáns, pero todas elas achegaron datos contraditorias sobre o paradoiro de Bruno Lupe, que no momento da súa desaparición vestía unha cazadora de cor azul mariño. O home, que nos últimos tempos empezou a presentar problemas de falta de memoria e síntomas de alzhéimer, fora visto por última vez na rúa Real de Caldas este martes.