O ciclo de FP de Restauración, que inclúe un contrato laboral, pecha o período de inscrición sen cubrir todas as súas prazas
Por Oskar Viéitez
Un total de 50 mozos de entre 18 e 29 anos solicitaron matrícula para os tres ciclos superiores de FP dual da rama de hostalería que a Deputación de Pontevedra, en colaboración coa Consellería de Educación e o Grupo Hotusa poñen en marcha para o curso 2014-2015.
O ciclo máis demandado, segundo destacou este venres o presidente da Deputación, Rafael Louzán, é o de Xestión de Aloxamentos Turísticos, seguido do de Dirección de Cociña.
En ámbolos dous casos, as solicitudes superan a oferta de prazas, que é de 15 en cada especialidade.
No entanto, Louzán amosou a súa estrañeza porque aínda non se teña cuberto o tope de 15 prazas ofertadas para Dirección de Servizos de Restauración, malia que se trata dunha especialidade cunha alta demanda e que, ademais da formación que se lles ofrece, "terán unha remuneración durante os dous anos de estudo, con todos os gastos pagos, incluídos aloxamento, manutención e dous desprazamentos".
Malia todo, o presidente da Deputación amosou a súa satisfacción por ter conseguido "cumprir os obxectivos marcados".