As deficiencias da reforma da avenida de Marín correxiranse a partir de setembro
Por Alejandro Espiño
Sen apenas custo para as arcas municipais, o Concello de Pontevedra resolverá as deficiencias detectadas nas obras realizadas a finais de 2011 na avenida de Marín. Segundo anunciou Luis Bará, tras executar o aval que depositara a empresa como garantía, poderanse afrontar estas reformas cun cargo "mínimo", valorado en case 700 euros. Prevese licitar estes traballos na próxima Xunta de Goberno.
Luis Bará recordou que as obras de reforma da avenida de Marín contaban cunha garantía de dous anos. Antes de que se cumprise, o goberno municipal demandou á empresa unha serie de arranxos, especialmente relacionados con problemas no pavimento e nos pasos de peóns máis próximos á ría. Pero a compañía, inmersa en problemas económicos, non aceptou realizalos, polo que se optou por executar o aval.
En concreto, repararanse total ou parcialmente nove pasos de peóns (55.669 euros), renovaranse algúns pavimentos (11.478 euros), realizaranse unha serie de melloras na mediana central relacionadas coa recollida de pluviais ou a grava que hai sobre ela (7.258 euros) e se revisará o estado do carril bici e o paseo peonil (7.569 euros). Tras sumar a correspondente marxe de beneficios e impostos, a obra licitarase por 126.610 euros.
Debido a que se trata dunha zona "sensible" para o tráfico durante o verán, estas obras comezarán a mediados de setembro. Teñen un prazo de execución de tres meses e realizaranse por fases polo que a afección á circulación rodada será "limitada", segundo o concelleiro nacionalista.
CONTINUAN OS ASFALTADOS
Por outra parte, Luis Bará informou que a campaña de asfaltado e pavimentación das rúas afectadas pola dureza dos temporais do pasado inverno continuarán en próximos días polas rúas Alameda (dende El Cafetín ata a Subdelegación do Goberno) e Xeneral Martitegui. Investiranse 33.315 euros e preténdese que estean listas para as Festas do Verán.
Ademais, actuarase tamén na rúa Jofre de Tenorio, dende a avenida de Uruguai ata Concepción Arenal. Neste caso, trátase de traballos non só de pavimentación, senón tamén de eliminación de barreiras arquitectónicas. Dentro desta obra mellorarase tamén o entroncamento desta rúa con Xan Guillerme. O presuposto de licitación desta actuación é de 60.026 euros e estarán listas antes das festas patronais de agosto.
Relacionadas:
-
A avenida de Marín verá correxidas as súas deficiencias "inmediatamente", segundo Luis Bará
Por Alejandro Espiño |
-
60.000 euros para colocar lámpadas LED no alumeado público do Castañal
Por Alejandro Espiño |
-
O PP vaticina que a reforma da Avenida de Marín será un "mero parche" e esixe unha actuación integral
Por Alejandro Espiño |
-
Restriccións nas rúas Alameda, Xeneral Martitegui e Jofre de Tenorio por mellora do asfaltado
Por Redacción |