As obras da senda peonil de Bagüín dificultan a circulación entre Mogor e Aguete
Por Redacción
As obras para a construción da senda peonil de Bagüín, que se prolongan dende o antigo matadoiro municipal de Mogor ata despois da baixada á praia de Aguete, está a causar dificultades de circulación. Así o recoñeceu este xoves o Concello de Marín. A actuación estaa a executar a Xunta de Galicia, pero a administración municipal emitiu un comunicado lamentando as molestias causadas aos condutores.
Os condutores ven retardada a súa marcha porque durante varias horas ao día hai habilitado un só carril. Ao respecto, o Concello responde que se está "a traballar a bo ritmo" para que as molestias "sexan as menores posibles" e explica que se quixo aproveitar o bo tempo para que as chuvias non entorpecesen e retardasen aínda máis a súa execución.
Esta obra de conexión entre Mogor e Aguete está considera como prioritaria dadas as dificultades que existen para poder trasladarse camiñando por esta zona e, en concreto, dende a curva do antigo matadoiro e ao longo de toda a recta que leva a Bagüín. Na actualidade é imposible ir camiñando por ningún tramo.
Esta semana procedeuse á instalación dunha barreira de formigón dende o matadoiro en toda a recta e previamente reforzárase o terreo con muros dun metro e medio de altura nalgunhas zonas onde o terreo era máis arxiloso, para evitar desprendementos futuros.
O proxecto de construción desta senda peonil na PO-551 aprobouse o 21 de febreiro e resultou adxudicada á empresa Arias Hermanos cun orzamento base de 280.464, 39 euros. O levantamento das actas previas á ocupación da vía realizouse polo trámite de urxencia para proceder á expropiación da franxa de terreos afectada polo proxecto de construción.
Relacionadas:
-
Asfaltan o camiño que une os núcleos de Baguín e Castro
Por Redacción |
-
Alertan de perigosos desprendementos na senda peonil de Bagüín
Por Redacción |
-
Instauran o sentido único no vial de acceso á praia de Aguete
Por Redacción |
-
Comezan as obras para a construción da senda peonil en Bagüín
Por Redacción |