Un 'super' para "comprar con dignidad" alimentos básicos
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A neveira baleira e nada para comer nos estantes. ÿ un dos momentos máis críticos aos que se enfrontan as persoas con dificultades económicas, moito máis se na familia hai nenos ou persoas maiores. Para solucionar esta situación que, en moitos fogares, se dá case a diario existen recursos como ONGs, comedores sociais ou outro tipo de asociacións sen ánimo de lucro. Dende este mércores, en Pontevedra, hai un nova opción: o economato social de 'Solvencia'.
Lizete Singh é unha das voluntarias desta asociación. Despois de dous anos e medio traballando sobre esta idea, este mércores puideron facela realidade: abriuse ao público na rúa Alemaña de Monte Porreiro un economato social no que "la venta primordial está enfocada a familias en exclusión social o en riesgo de estarlo".
Refírense a persoas no paro, que viven dá cobrar axudas sociais ou a Renda de Inserción Social (Risga) ou que xa non reciben ningún ingreso. Para converterse en cliente tan só é necesario que a persoa que se encontre nesta situación acuda ao economato co seu DNI e un documento que acredite que está no paro ou cobra unha axuda para demostrar que si se encontra en situación ou risco de exclusión. A partir de aí, poderá regresar cando poida ou o necesite e será suficiente con que mostre o seu DNI.
A todos eles lles queren dar a oportunidade de "comprar con dignidade" e que poidan "acudir a un supermercado para adquirir alimentos de primeira necesidade". Non será un establecemento no que facer a compra mensual da familia, senón que os produtos nos que se centrarán serán as verduras, legumes, peixe, carne, conxelados, friame e, puntualmente, produtos como conservas, aceite, iogures...
A asociación 'Solvencia' abre en Monte Porreiro o primeiro economato social do municipio
"Pueden, por ejemplo, adquirir un solomillo, pollo, ternera a un precio asequible", explica Lizete Singh. Máis económico que na cadea de alimentación habitual porque conseguiron negociar prezos especiais con provedores locais e que algunhas centrais de compras lles permitan adquirir as pequenas cantidades que eles poidan vender a prezo de grandes superficies, ademais dunha axuda a fondo perdido de La Caixa que lles permitiu poñerse en marcha.
No número 30 da rúa Alemaña de Monte Porreiro houbo ata hai unha década un ultramarinos e, tras pechalo, a propietaria do local non quixera volver alugalo. Coa asociación 'Solvencia' fixo unha excepción porque o uso que darán ao establecemento é un fin social. Agora aquela tenda de barrio recuperou a vida e cada día abrirá as súas portas de 9.30 a 13.30 horas atendida por dous voluntarios da asociación e por dúas persoas paradas de longa duración ás que lograron contratar por media xornada.
Isaac Dopazo é un dos dous novos dependentes que lograron un contrato ao tempo que se abre o primeiro economato social de Pontevedra. Tras case catro anos sen conseguir traballo, cun neno dun mes e medio e coa súa parella tamén sen ningún ingreso (está a estudar), ata agora vivía grazas á axuda que lle daban na súa familia. O establecemento de Solvencia tamén lle permitirá a el "vivir con más dignidad".