Pontevedra é "segura", segundo o Goberno: a taxa de criminalidade é 13 puntos menor que a media española
Pontevedra é unha cidade "segura" e a evolución da delincuencia no último ano foi "moi positiva". ÿ a dobre mensaxe que trasladou este venres o subdelegado do Goberno, Antonio Coello, tras a celebración da Xunta Local de Seguridade do Concello de Pontevedra. Sostén esta valoración no feito de que no primeiro trimestre de 2014, os delitos e faltas cometidos no municipio descenderon un 3,5% con respecto ao ano pasado.
En concreto, o subdelegado indicou que os roubos con violencia e intimidación caeron un 75% nos primeiros tres meses do ano (de 16 en 2013 pasouse a tan só 4), mentres que os delitos relacionados co tráfico de drogas descenderon un 33,3% e os roubos con forza (104), un 7,1%. Pola contra aumentaron notablemente os roubos con vehículos a motor (25), un 92,3% máis que no primeiro trimestre do pasado ano.
Os danos e furtos, cualificados na súa maioría como faltas, tamén creceron un 8,2% e un 3,8% respectivamente. Segundo Antonio Coello, trátase principalmente de "robos al descuido" en zonas de ocio e establecementos de hostalaría, e relacionounos de forma directa coa "sensación de seguridad" dos pontevedreses.
"La gente se siente segura y ello lleva a que se cometan determinados descuidos como poner objetos personales encima de las mesas y despreocuparse de ellos", explicou. Unha conduta, dixo, que "hay que ir moderando para no caer en situaciones de riesgo".
Con respecto aos roubos en domicilios particulares, que o ano pasado causou unha gran preocupación na cidade, o subdelegado indicou que se produciu o mesmo número nos tres primeiros meses do ano (32), pero destacou que as bandas organizadas e itinerantes que se detectaran en Pontevedra e arredores desapareceron e "no hay previsión de que vuelvan", sinalou, pola presión dos operativos policiais específicos para combater esta delincuencia.
Neste sentido, Coello quixo destacar a boa colaboración entre os diferentes corpos policiais que operan no municipio de Pontevedra. Afirmou que froito desa colaboración, entre outros operativos, se permitiu desartellar un grupo internacional relacionado coa explotación sexual de mulleres no Pino "que habían entrado en tribalidades que podían haber derivado en otros delitos". Detivéronse dúas mulleres, líderes da trama.
LORES CELEBRA OS DATOS DE PONTEVEDRA
Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, sinalou que o dato "significativo" é que mentres que a taxa de criminalidade en España está situada nunha ratio de 46,10 delitos por cada 1.000 habitantes, en Pontevedra rexístranse 33,78 delitos, "case trece puntos de diferenza", o que fai, indicou, que haxa unha percepción de seguridade na cidade "que fai que obxectivamente nos podamos sentir tranquilos".
Fernández Lores puxo como exemplo o sucedido durante o pasado Mundial de Dúatlon, onde a pesar da gran cantidade de xente que visitou a cidade eses días, o único incidente que se denunciou foi a desaparición dunha mochila por parte dun cidadán estranxeiro.