A CIG denuncia que a dirección de Treves intenta reducir a súa presenza no comité
Por Redacción
Membros do sindicato CIG denunciaron que a dirección de Trèves está a intentar reducir a presenza do sindicato nacionalista no futuro comité de empresa da fábrica do Polígono do Campiño, que se encontra pendente da celebración das eleccións sindicais.
Segundo manifestaba o actual presidente do comité de empresa, David Couñago, a empresa xa leva suspendidos dous procesos electorais ata que chegou a fixar a data dos comicios no 11 de xuño. Non obstante, esta nova data volveu ser anulada por parte da dirección e agora encóntranse pendentes dunha nova convocatoria electoral.
Dende o sindicato nacionalista aseguran que a pesar de que o xulgado lles deu a razón en canto á repartición na composición do comité que, segundo o último laudo, debe estar integrado por oito especialistas e un técnico, a dirección da empresa intenta que exista unha maior presenza de técnicos ao tempo que elabora unha lista de independentes con "algún máis pelotilla que outro", segundo apuntou David Couñago.
Rafael Iglesias, da CIG, indicou que este intento por parte da empresa de debilitar a presenza de integrantes desta formación no comité se debe a que "se están a preparar para as futuras negociacións do convenio" e asegura que van ser duras ante a previsión de que Trèves intente baixar salarios, ao igual que Citroën.
O comité de empresa da fábrica dedicada á transformación de xéneros téxtiles e plásticos de automóbiles está formado por 5 membros da CIG, 3 de UGT e un independente. Dende a CIG tamén se culpa Comisións Obreiras (CC.OO.) de ser "cómplices" dos movementos que está a levar a cabo a dirección nun momento que, segundo Rafael Iglesias, é complicada porque o persoal da empresa se encontra nun ERE temporal de 40 días.