Nove de cada dez usuarios consideran que a auga da traída ten unha calidade "aceptable ou satisfactoria"
Por Alejandro Espiño
O 94% dos pontevedreses que reciben a auga da traída consideran que a súa calidade é aceptable ou satisfactoria, e o 57% recoñece que consume habitualmente auga da billa (dos cales, o 16% consúmena filtrada). Son as principais conclusións que se extraen do último estudo realizado pola empresa Aquagest, concesionaria da xestión de auga potable na cidade de Pontevedra.
Este estudo realízase no marco da concesión a Aquagest e a Pontevedra da ISO 22000 de certificación alimentaria pola inocuidade da auga e dos alimentos, entregada o pasado novembro de 2012 ao Concello pola empresa acreditadora TÿVRheinland. Un dos requisitos para seguir mantendo este sinal de calidade (da auga, neste caso), é realizar este estudo cos parámetros de calidade da auga, segundo os consumidores.
Para facer o estudo realizáronse 103 enquisas telefónicas a particulares maiores de 18 anos entre xullo e novembro de 2013. Ademais da calidade de auga, os pontevedreses consultados cualificaron de aceptable ou satisfactoria o sabor da auga (85%), a cor da auga (94%) ou o seu cheiro (95%).
Ao respecto do servizo, a principal queixa dos enquisados referiuse ao seu prezo. Tres de cada dez pontevedreses considérao inaceptable, fronte ao 55% que cren que é aceptable e o 12% que é satisfactorio. Pola contra, valoran moi positivamente a continuidade no subministro ou a presión coa que chega aos seus fogares; mentres que a facilidade para contactar coa compañía é aceptable ou satisfactoria para un 89% dos consultados, igual que a atención recibida (95%).
HÁBITOS DE CONSUMO
Tres de cada dez usuarios prefiren beber auga envasada e un 10% beben outro tipo de augas, en lugar da que chega a través da propia traída
Sobre os hábitos de consumo dos pontevedreses a enquisa revela que un 57% beben a auga directamente da billa, aínda que un 16% fíltrana primeiro, a maioría deles a través dunha xarra portátil. Pola contra, tres de cada dez usuarios prefiren beber auga envasada e un 10% beben outro tipo de augas, en lugar da que chega a través da propia traída.
Ademais, oito de cada dez pontevedreses aseguran que aplican algunha medida para reducir o consumo de auga. Maioritariamente aseguran facer un uso eficiente da auga durante a súa hixiene persoal (28%), dúchanse en lugar de bañarse (19%), empregan a máxima carga en lavadora ou fregalouzas (13%), empregan mecanismos aforradores como redutores de caudal ou aireadores (9%) ou aforran na descarga do WC (5%). Un 22% recoñece non facer nada.
No marco desta enquisa, os pontevedreses tamén fan unha serie de suxestións para mellorar o servizo da traída de augas. Decántanse principalmente por reducir o seu prezo (22%), aínda que moitos tamén optan por mellorar o sabor, reducir o cloro na auga, renovar as instalacións (filtros, tubaxes, cañerías), ou que haxa máis profesionalidade na atención telefónica ou mellor comunicación entre compañía e cliente e máis rapidez á hora de atender as avarías
Para o Concello de Pontevedra esta enquisa serve para coñecer a opinión xeral dos usuarios, reforzar aqueles puntos febles do servizo así como para seguir na boa dirección no caso dos supostos máis favorables ao servizo. A concellaría responsable do Ciclo da auga, xestionada por Raimundo González, traballa co obxectivo de ofrecer unha auga de alta calidade para o consumo, así como un servizo o máis eficiente posible.