A Lama restaurará a ponte medieval de Verducido e buscará máis protección patrimonial
Por Redacción
A ponte medieval sobre o río Parada será obxecto dunha serie de obras de restauración e conservación. Así o anunciou este xoves o alcalde da Lama, Jorge Canda, que iniciou ademais as xestións oportunas ante os organismos responsables de conservación do patrimonio na Xunta de Galicia co fin de conseguir unha maior protección deste viaducto centenario, situado na parroquia de Verducido.
A intención do Concello da Lama é realizar labores de limpeza e de eliminación de raíces das plantas trepadoras que ameazan con derrubar as pedras que dan forma a este emblemático ponte. Ademais, recolocaranse algúns elementos ameazados polo paso do tempo para unha maior seguridade e consistencia da construción medieval.
Tamén se procederá a recuperar do fondo da canle do río Parada as pedras, como parapetos da ponte, que se atopan caídos no leito deste afluente.
Segundo o alcalde, búscase que este viaducto volva recuperar o esplendor de épocas pasadas para que se manteña por moitos anos máis como aceno de identidade dos veciños e veciñas da parroquia de Verducido e ao mesmo tempo sexa un atractivo turístico para os amantes do sendeirismo, o turismo cultural e patrimonial.
En canto a lograr que a ponte teña a maior protección posible, Jorge Canda espera que sexa un trámite que axude á súa conservación e posta en valor, á vez que favoreza o seu estudo por parte de investigadores ligados á historia do municipio da Lama e á arquitectura civil medieval "xa que esta ponte é unha digna representante da capacidade constructiva dos habitantes da Lama en épocas pasadas".