Patrimonio autoriza a restauración da ponte medieval sobre o río Parada
Por Redacción
O Concello da Lama recibiu as autorizacións de Patrimonio e Augas de Galicia para restaurar a ponte medieval sobre o río Parada, na parroquia de Verducido.
Tras cumprir este trámite iniciaranse unhas tarefas de conservación que comprenden labores de limpeza, eliminación de raíces de plantas rubideiras que ameazan con derrubar algunhas zonas da ponte e a recolocación de elementos danados polo paso do tempo para darlle á estrutura unha maior seguridade.
A intención dos responsables municipais é ademais aproveitar a intervención para recuperar do fondo da canle do río as pedras, como parapetos da ponte, que se encontran caídos no leito.
Ademais de sinal de identidade da parroquia, a ponte medieval forma parte, segundo o Concello, do "atractivo turístico para os amantes do sendeirismo, o turismo cultural e patrimonial".