Arden dous coches na sede de Sercoysa
Por Anxo Lourido
Unha dotación dos bombeiros do Parque de Pontevedra tivo que desprazarse uns minutos despois das dúas da madrugada deste martes 20 tras declararse un incendio no aparcadoiro que a empresa de construción Sercoysa ten no Polígono do Campiño.
Dous vehículos aparcados nas instalacións ardían completamente. As causas do lume aínda están por determinar. Polo momento, a empresa evitou pronunciarse sobre o incidente.
A Policía Científica acudiu ata a empresa e, segundo os primeiros indicios, o incendio orixinouse por un fallo eléctrico nun dos vehículos particulares dunha empregada e despois trasladouse á furgoneta de outro empregado aparcada ao seu carón. Os axentes levaron probas para completar a investigación.
Sercoysa encóntrase inmersa nun Expediente de Regulación de Emprego temporal (ERE) ante a caída da carga de traballo que se produciu a raiz da crise da construción. A empresa chegara a un acordo o 12 de novembro co persoal tras rebaixar as cifras iniciais de afectados polo ERE, baixando dos 80 empregados iniciais a 46.