A Basque Culinary Center coñece a gastronomía das Rías Baixas
Por Redacción
Cen alumnos e dez profesores da Basque Culinary Center, a primeira e única facultade de Ciencias Gastronómicas de España, coñecen a gastronomía e a cultura culinaria das Rías Baixas. Para afondar neste coñecemento, visitan dende este martes e ata o vindeiro xoves a provincia de Pontevedra.
No marco desta actividade, foron recibidos esta mañá no Pazo Provincial pola deputada Ana Isabel Vázquez Reboredo, que agradeceu a visita e animou aos futuros cociñeiros a ter moi presentes os produtos desta provincia no seu labor profesional.
Pontevedra é xa un destino tradicional no programa de actividades da Basque Culinary Center, que organiza estas viaxes de aprendizaxe como unha forma de completar a formación do seu alumnado e que poidan coñecer directamente non só os produtos das rías Baixas, senón todo o proceso de produción e elaboración.
Durante a xornada deste martes visitarán unha batea da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia, xantarán no centro vacacional de A Lanzada e achegaranse ata o Instituto Galego de Formación de Acuicultura. A visita continuará o mércores coa visita a varias adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas de Arousa e O Condado-Paradanta e o xoves con visitas a adegas, á lonxa de Cambados e a unha cetárea. Despiden a estadía cun showcooking na adega Lagar de Pintos.