Recuperan unha bicicleta valorada en 12.000 euros roubada da exposición do Pazo da Cultura
Por Redacción
Unha bicicleta antiga valorada en 12.000 euros viviu un periplo singular durante a fin de semana. O seu propietario denunciou o seu roubo na tarde do venres do recinto do Pazo da Cultura no que ía formar parte da exposición de 'Pontenbici'. Este domingo recuperouna despois de que unha persoa da que non transcendeu a identidade a entregase ao comisario da exposición.
A bicicleta en cuestión é un modelo cromado da marca BH con 50 anos de antigüidade. O seu propietario denunciou na Comisaría que o venres, sobre as 15.30 horas, estaba a montar a exposición con máis persoas cando sentiron que se abría unha porta.
Nese mesmo momento, presenciaron como unha muller cun chuvasqueiro e unha mochila saía do edificio montada nunha bici. O vehículo en cuestión resultou ser o seu e, para substraela, a suposta ladroa tivo que romper as bridas e cravos que a suxeitaban.
O domingo pola mañá unha persoa cuxa identidade non transcendeu púxose en contacto co comisario da exposición, citouse con el e entregoulle a bicicleta. Finalmente, a última hora do domingo, foi entregada ao seu lexítimo propietario e o comisario confirmou que este luns xa volve estar no Pazo para a exposición de Pontenbici.
A Policía Nacional mantén aberta unha investigación para intentar localizar a suposta ladroa e aclarar o sucedido coa bicicleta.
O Concello de Pontevedra indica que a denuncia presentada ante a Policía tamén se trasladou ás redes sociais, que foron claves para dar coa persoa que substraera esta bicicleta.