Mosquera impulsa un observatorio que recolla datos de mobilidade, contaminación e biodiversidade
Por Redacción
O concelleiro César Mosquera é o encargado de coordinar o proxecto de crear un observatorio de calidade urbana que recolla os indicadores de calidade ambiental da cidade de Pontevedra para elaborar un informe no que se reflictan datos en relación coa mobilidade, a contaminación ambiental e a biodiversidade.
Desta forma, Mosquera sinalou que se contratará a través dunha asistencia técnica a elaboración dun documento inicial que marque as directrices para poñer en marcha este observatorio que, dende o goberno local, agardan que poida estar dispoñible no prazo de tres ou catro meses. Ademais, o concelleiro afirmou que o gasto deste proxecto vai situarse por debaixo de 3.000 euros.
No informe quérense analizar as necesidades e beneficios que caracterizan a Pontevedra, recollendo os datos sobre contaminantes químicos que se detectan, a fauna da ría ou o aforro en combustible derivado da peatonalización da cidade. Segundo sinalou o concelleiro resulta necesario xuntar e actualizar todos os datos que agora se encontran diseminados en diversos servizos municipais e realizar un documento único no que se expoñan as conclusións dos diferentes estudos.
César Mosquera indicou que "se aparecen datos malos, mellor. Temos que mellorar". Neste sentido, apuntou que en comparación con outras cidades, Pontevedra debe mellorar principalmente en reciclaxe de residuos.