Persoas en risco de exclusión poñen en marcha un proxecto de recollida de roupa usada
Por Natalia Puga
O colectivo Boa Vida Inclusión Activa non se detén na súa loita para conseguir acabar coa situación de exclusión social dos seus integrantes e de cada vez maior número de pontevedreses e acaba de poñer en marcha un novo proxecto recollida e tratamento de roupa usada que é xa no seu propio nome toda unha declaración de intencións: 'Eu non me rindo'.
O proxecto leva fraguándose varios meses, contou co asesoramento do colectivo de Navarra Traperos de Emaús e coa colaboración de estudantes da facultade de Ciencias Sociais de Pontevedra para deseñar a campaña. Agora viu a luz e este xoves terá a súa primeira acción pública, unha charla ás 19.00 horas na Biblioteca Pública de Pontevedra.
Dos 40 socios de Boa Vida, 10 teñen implicdo neste proxecto. Isabel Camba é unha delas e destacou o paso decisivo que supón este proxecto na vida da asociación, pois naceu como un grupo de apoio e con campañas como 'Eu non me rindo' vemos que podemos hacer algo más".
O proxecto ten vocación de continuidade no tempo e o obxectivo sería chegar a contar cunha infraestrutura estable de recollida, tratamento e comercialización de residuos téxtiles que permitise crear postos de traballo baseándose nos obxectivos e dignidade e sostibilidade ambiental.
'Eu non me rindo' formúlase como reto inicial recoller 13 toneladas de residuos téxtiles en seis meses
"Queremos generar fondos suficientes para poder generar puestos de trabajo", indica Isabel Camba. Pero, de momento, os seus impulsores van pouco a pouco e márcanse plans a curto prazo. En seis meses, o obxectivo é reunir 13 toneladas de roupa usada e antes, en xuño, farán unha avaliación parcial da evolución do proxecto.
A campaña ten dúas liñas de acción: recoller roupa usada e reunir fondos. Ambas as dúas van unidas. Reunir as 13 toneladas de roupa usada que se marca como obxectivo inicial lles permitiría reunir fondos e necesitan ese diñeiro para ir dando pasos no proxecto, tales como unha máquina de esterilización que permitise facer un tratamento global da roupa.
Os residuos téxtiles recolleranse no local da asociación no número 16 da rúa Cruz Vermella, nas entidades colaboradoras (Amarante, parroquia O Bo Pastor de Monte Porreiro e sociedade San Vicente de Paúl), durante as charlas e accións a pé de rúa que están a planificar e tamén en centros educativos e sociais, domicilios particulares e comunidades de veciños.
Unha vez recollida, faranse diversos procesos de selección que permitirá seleccionar que residuos téxtiles pasa a ser roupa usada ou de segunda man que poida volver usarse e cales se converterán en trapos. Calquera das dúas opcións é positiva para os fins de Boa Vida, pois Traperos de Emaús lles demostrou que os residuos téxtiles comercializados como trapos tamén poden ser unha vía de captación de fondos e, no seu fin último, saír do risco de exclusión social. "Volvernos a sentir incluidos", asevera Isabel Camba.
En todo o proxecto contarán coa colaboración da Deputación de Pontevedra, segundo os trasladou este mércores a deputada Ana Isabel Vázquez durante a presentación pública da iniciativa.