Comercios históricos con data de caducidade, remátase a "renda antiga"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O que non conseguiu a crise podería logralo a Lei de Arrendamentos Urbanos. A fin dos alugueres antigos, fixado para decembro deste ano, botará o peche definitivo a un bo número de comercios pontevedreses.
Son aqueles que teñen contratos de arrendamento de renda antiga, asinados antes de maio de 1985, cando se aprobou o coñecido como decreto Boyer, que eliminaba a prórroga obrigatoria que rexía ata entón.
A posterior Lei, aprobada en 1994, concedeu unha prórroga de 20 anos que poñía data de caducidade a todos os alugueres de locais comerciais pactados antes da entrada en vigor do decreto. O prazo para esa 'ameaza de morte' conclúe ao rematar este ano 2014.
Son moitos os que se apuraron nos últimos meses a renegociar os seus alugueres desfasados dende hai décadas, pero para os que aínda non encontraron unha saída a conta atrás avanza implacable.
O presidente do Centro Comercial Urbano Zona Monumental, Miguel Lago, explica que "la mayoría de los arrendatarios ya han logrado actualizar sus contratos", pero sinala que o máis curioso é que "la crisis ha sido en esta ocasión una aliada" xa que moitos propietarios preferiron pactar prezos máis baixos antes que ter o inmoble baleiro, máis vale paxaro en man... Outros optaron por recolocar o seu negocio noutro local.
Non obstante Miguel Lago lamenta que aínda existen algúns propietarios que "prefieren tener su local vacío antes de rebajar el alquiler". O presidente do Centro Comercial Urbano advirte que esta decisión resulta contraproducente xa que as perdas económicas derivadas de ter un baixo pechado "son superiores al coste que supone rebajar la renta al inquilino".
Herdados de xeración en xeración estes locais enfróntanse a un difícil cambio que decidirá a súa rendibilidade e polo tanto a súa supervivencia.