Legalizan o Club Naval de Pontevedra 22 anos despois da súa construción
Por Redacción
O porto deportivo ou Club Naval de Pontevedra conta con licenza municipal 22 anos despois da súa construción. O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, asinou este luns a resolución pola que se legalizan definitivamente as instalacións, que foron construídas en 1992 na avenida de Uruguay.
Antón Louro recalca que con esta legalización "resólvese unha situación de precariedade que non era desexable". Lamenta que se tivera chegado a esta situación, posto que o Club Naval obtivo licenza municipal de obras en 1993, pero a execución non se correspondeu co proxecto autorizado e foi preciso presentar un proxecto modificado e outro de legalización.
No expediente tamén consta que o proxecto orixinal tiña sido tramitado de acordo co antigo Regulamento de Actividades Molestas (Raminp) e a incorporación de ditame ambiental favorable da desaparecida Comisión Galega de Medio Ambiente. Diante desta situación foi necesario realizar unha consulta á Consellería de Medio Ambiente, que resultou favorable.
Antón Louro mantivo un primeiro contacto coa directiva do Club Naval no ano 2011 e, dende entón, impulsou a saída deste expediente. Tiña adquirido o compromiso de impulsar o dragado da ría, unha obra moi necesaria para gañar o calado necesario nesta zona da ría e, como consecuencia desta situación, o Pleno do Concello aprobou o pasado mes de xuño unha moción dirixida ao ente Portos de Galicia, titular desta competencia.
O tenente de alcalde advirte expresamente á entidade pontevedresa de que deberá presentar un proxecto técnico e solicitar unha licenza específica de obras e actividade para o caso de que pretenda abrir algún establecemento de hostalería no primeiro andar do edificio. Unha vez despexado o panorama administrativo das instalacións náuticas, esíxenselle as mesmas condicións que para a apertura dun local deste tipo en calquera outro punto da cidade.
O proxecto legalizado consta de tres peiraos aboiantes paralelos e outro transversal, de acceso aos anteriores, para o atraque das embarcacións. Os dous exteriores e o de acceso son propiedade de Portos de Galicia e o máis próximo a terra é do Club Naval. Ademais, existen peiraos de servizo que se localizan perimetralmente á plataforma e aos que se accede dende tres ramplas, dúas titularidade do club e unha terceira de Portos de Galicia.
O edificio social apoiase sobre unha lousa de formigón, de 28x49 metros, pilotada sobre a ría. Sobre ela está instalada unha unidade de subministración de combustible para embarcacións e un guindastre. Consta de andar baixo e primeiro. Está totalmente rematado e en funcionamento, agás o interior do andar primeiro que, aínda que estivo ocupado por negocios de hostalería, está sen uso e sen acondicionar na actualidade.
Relacionadas:
-
O Club Naval abrirá este verán un novo restaurante-cafetería xestionado por Sentido Cocina
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Volven reclamar a Portos de Galicia o dragado urxente da ría de Pontevedra
Por Redacción |
-
Alerta do Club Naval: "Si no se draga el río Lérez podemos llegar a desaparecer"
Por Alejandro Espiño |