O Museo de Pontevedra adquire por 6.000 euros o mural do Bar Carabela
Por Oskar Viéitez
O Museo de Pontevedra adquiriu por 6.000 euros o mural do antigo Bar Carabela, unha obra do pintor José Conde Corbal.
O contrato foi publicado este mércores na plataforma de contratación pública e ten unha beneficiaria a Comunidade de Bens Local Praza da Estrela, 1.
O pasado 4 de xuño, a xefa de Xestión do Museo de Pontevedra, coa conformidade do vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, emitiu un informe coa proposta de compra no que relata que en novembro de 2023 a familia Alvariño ofertou ao Museo este mural que estivo instalado ata 2022 no histórico Bar Carabela, localizado na Praza da Ferrería, "recibido por herdanza familiar".
A obra está integrada por seis paneis de tablex con pinturas acrílicas, un coa vista da Praza da Estrela coa rúa Figueroa, outro coa vista dos edificios modernistas da Praza da Ferrería, outro cunha vista do Bar Carabela, da Praza da Estrela e do antigo edificio de Facenda, outro cunha vista da igrexa de San Francisco e da igrexa da Virxe Peregrina, outro coa vista do Bar Savoy e os soportais da Ferrería e un sexto panel coa vista dos Soportais coa Igrexa da Virxe Peregrina ao fondo.
A obra foi revisada e estudiada pola Conservadora e Directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve Jar, quen informa que o mural está datado no ano 1965, tal e como amosa a sinatura do autor, localizada no panel 1. José Conde Corbal só asinara un dos paneis, pois as seis pezas foron concibidas como un conxunto e era vontade do autor que a obra non fora disgregada.
O mural foi retirado da localización orixinal durante a reforma do Bar Carabela no ano 2022.
"Os seis paneis encóntranse en bo estado xeral de conservación. Aínda así, presentan unha capa de sucidade derivada da exposición ó fume e outros axentes propios dun local de hostalería" sinala Ángeles Tilve. "Hai que destacar tamén a presenza de retoques de pintura que, segundo os propietarios, son consecuencia dunha intervención de restauración pouco afortunada realizada nos anos 80. Cabe engadir que as táboas presentar buracos nos seus bordos a consecuencia dos elementos de suxeición e montaxe na parede do bar Carabela…".
Segundo comunicou a Deputación, a partir de agora, o Museo de Pontevedra ten por diante a execución de tarefas de limpeza e restauración do mural de Conde Corbal.
Está previsto, ademais, que unha vez posto a punto se busque a mellor localización dentro do Museo de cara á súa conservación e exposición.
JOSÉ CONDE CORBAL
José Conde Corbal foi un debuxante, gravador e pintor, nacido en Pontevedra o 5 de abril de 1923. Iniciou a súa carreira artística en 1957 e a súa primeira exposición tivo lugar no Liceo Recreo Ourensán en 1958. Nesta cidade fixo amizade con persoas como Vicente Risco, Otero Pedrayo, Ferro Couselo ou Xaquín Lourenzo, cuxa influenza foi decisiva no desenvolvemento da súa obra.
Desde os seus inicios o artista apostou pola representación estética da identidade galega e os motivos etnográficos, así como as costumes, as romarías, o traballo do campo e do mar, os monumentos e as paisaxes galegos. A súa obra está representada no Museo de Pontevedra desde 1959 e actualmente conserva na colección 54 pezas orixinais. Ademais, Conde Corbal estivo moi vinculado ao Museo, colaborando con deseños museográficos e protagonizando ata once exposicións individuais entre 1962 e 1989.