Difusión Felina denuncia o envelenamento de gatos na Seca
Por Redacción
O colectivo de protección animal Difusión Felina denunciou a aparición de catro gatos mortos como consecuencia dun envelenamento na zona da Seca, que pertencían a unha colonia que dende a asociación protectora se estaba a intentar controlar.
Segundo expón Carlos Ferrer, presidente de Difusión Felina, dos seis gatos que conformaban esa colonia só quedan dous. Os catro animais envelenados tiñan máis de dous anos e eran alimentados por unha persoa, segundo o colectivo, "de forma totalmente hixiénica". E sinalan que dende a asociación estaban a proporcionar alimento e atención veterinaria cando o precisaban. Ademais, afirman que dende hai uns meses se esterilizaran dúas gatas, a través do Plan de Esterilización de Colonias de Gatos, que conta coa aprobación do Concello de Pontevedra.
Actualmente o Código Penal considera penas que oscilan entre os tres meses e o ano de prisión para os delitos de maltrato animal, ademais de sancións económicas.