Vilagarcía prevé destinar case dez millóns a sufragar o servizo de axuda no fogar ata 2030
Por Redacción
Ata os 9,97 millóns de euros aumentará o custo do servizo de axuda no fogar en Vilagarcía. Así o recollen os pregos de licitación do novo contrato, que o goberno municipal quere aprobar no próximo pleno para que poida entrar en vigor a partir de 2025.
Cunha duración de dous anos, prorrogables outros tres, é xunto co de recollida de lixo e limpeza viaria, o contrato máis cuantioso da administración local.
Collendo de base o número actual de usuarios cos que conta o servizo, un total de 121, o novo contrato establece a prestación en 2025 de 71.508 horas de servizo, das que 62.100 serían ordinarias e 9.408 en días festivos.
Os pregos teñen en conta o aumento das horas de traballo a realizar nos seguintes anos en función da previsión das novas altas que se podan producir no servizo.
Unha das novidades do novo contrato é que incorpora os servizos de fisioterapia e podoloxía, que ata o de agora se prestaban aparte. Así, están incluídas a realización de 480 horas anuais en cada unha das especialidades.
En canto á parte laboral, a empresa que resulte adxudicataria deberá subrogar ao persoal existente na actualidade. O plantel base quedará composto por 58 traballadores.
55 deles serán auxiliares de axuda no fogar (31 a xornada completa e 24 a xornada parcial), haberá dous postos de coordinador de servizo a xornada completa e un auxiliar de coordinación, posto de nova creación respecto ao contrato actual e tamén a xornada completa.
A maiores do custe de persoal, o importe da prestación do servizo inclúe outros aspectos como a uniformidade, o material de oficina, teléfonos móbiles, quilometraxe e tamén os medios técnicos para a correcta atención ao usuario e a debida protección ao traballador.
Neste apartado, o contrato inclúe como obriga da adxudicataria a dotación de cinco camas articuladas con colchóns, tres guindastres especiais para axudar a levantar e mover a persoas incapacitadas e dous andadores de dúas rodas.
Os pregos establecen tamén o prezo da hora de servizo que, para 2025 fíxase en 25,21 euros a ordinaria e en 29,33 euros a de día festivo (en ambos os dous casos co IVE xa incluído).
Os prezos para os seguintes exercicios axustaranse, tendo en conta a previsión do incremento do IPC, ata o máximo fixado para o ano 2029 de 27,51 euros a hora ordinaria e 31,94 a de día festivo.
O servizo de axuda no fogar é un servizo que se financia mediante o sistema de copago entre a administración e o usuario. A cota a abonar por este depende da situación económica da persoa, calculándose os descontos a aplicar en función da súa situación económica.
Chega a ser mesmo de balde para as persoas con menos recursos. Os baremos para calcular as bonificacións están regulados mediante unha orde da Xunta de Galicia.