Os terreos do futuro centro de saúde de Soutomaior xa son do Concello
Por Redacción
Os terreos nos que se construirá o novo centro de saúde de Soutomaior xa son de titularidade municipal. Así o confirmou este venres o Goberno local, que sinala que, con este trámite, "fixo os deberes no que implicaba a súa responsabilidade" para facer realidade este novo equipamento.
O alcalde, Manu Lourenzo, asinou na notaría a escritura de adquisición dos terreos o pasado 23 de abril e, con ese trámite, o Concello remata o proceso e queda á espera de que o rexistro da propiedade faga efectiva a inscrición e de que catastro realice o cambio de titularidade.
Deste xeito, o Concello poderá dispoñer destes terreos de xeito oficial e transferir ao Sergas a parcela resultante.
Unha vez que a Administración local fixo os trámites que lle correspondían, o alcalde pide a todas as administracións implicadas "premura para poder mellorar canto antes a situación da sanidade no noso municipio".
O alcalde lembrou que o concello sofre unha "alarmante falta de médicos", con só tres para atender a 7.500 veciñas e veciños. Esta ratio é superior á que aconsella a Organización Mundial da Saúde e o Concello insiste en que "o centro de saúde é importante pero moito máis importante é que a Xunta cumpra a súa palabra e nos dea canto antes o médico que nos falta".
Manu Lourenzo sinala que "queda traballo por diante", pero agora Soutomaior está "un paso máis preto" de que se mellore a atención sanitaria.
Relacionadas:
-
Acto informativo do BNG en Soutomaior para tratar a situación da Atención Primaria
Por Redacción |
-
Recollida de sinaturas para esixir á Xunta melloras no centro de saúde de Arcade
Por Oskar Viéitez |
-
O centro de saúde de Arcade cumpre "máis de 500 días" sen pediatra
Por Redacción |
-
A veciñanza de Soutomaior sae á rúa para esixir máis persoal médico e que se garanta a atención pediátrica no concello
Por Redacción |
-
Convocan unha concentración para esixir máis persoal de Atención Primaria e Pediatría no centro de saúde de Arcade
Por Redacción |
-
Soutomaior leva un ano sen pediatra no centro de saúde de Arcade
Por Oskar Viéitez |