A Audiencia Nacional rexeita a pretensión da armadora e o patrón do Villa de Pitanxo de anular o informe clave do caso
Por Natalia Puga
A Audiencia Nacional acaba de botar por terra a pretensión dos investigados polo naufraxio do Villa de Pitanxo en Terranova en 2022 de que se anule o informe pericial clave na causa e non se teña en conta neste procedemento.
Primeiro o capitán, Juan Enrique Padín Costas, e logo tamén a armadora, Pesqueiras Nores Marín, S.L., e un dos directivos investigados na causa recorreron a validez deste informe, pero os recursos chegaron á Sección Terceira da Sala dos Penal da Audiencia Nacional e desestimounos.
A principal conclusión dese informe é que "la causa más probable del hundimiento del buque de pesca Villa de Pitanxo fue un error humano del capitán". Para chegar a ela, os peritos xudiciais que analizaron o naufraxio baixaron ao pecio do barco en augas de Terranova, Canadá.
Tras coñecerse este informe, os avogados da armadora xa o cuestionaron, acusando os peritos xudiciais de "incurrir en graves errores técnicos", que os peritos de parte da armadora achacan a unha "falta de familiarización con la maniobra pesquera". Ademais, afeábanlles que "los técnicos de la CIAIM aventuran, siempre con apoyo en testimonios de parte interesada" algunhas conclusións.
O naufraxio do Villa de Pitanxo investígao o Xulgado Central de Instrución número 2 da Audiencia Nacional e, ante este órgano xudicial, recorreu o patrón. Pedía a "nulidade do informe pericial" e "a súa expulsión do procedemento".
A esa petición opuxéronse tanto a Fiscalía como 12 partes acudidas na causa e o xuíz Ismael Moreno rexeitou o seu intento de quitar a causa este documento, asinado polos peritos Alejandro Iglesias Marques e David Bejarano Barro.
Esa decisión do xuíz instrutor motivou que o patrón volvese recorrer, esta vez xa ante a Sección Terceira da Sala dos Penal da Audiencia Nacional. A este recursos sumáronse tamén a armadora e un dos directivos investigados.
Tras revisar todos os recursos, a Audiencia acordou "desestimar os recursos de apelación" presentados polos tres e confirmar na súa totalidade a decisión previa do xuíz Moreno. Desta forma, o informe segue na causa, na que é a proba principal.
O informe revalidado agora pola Audiencia sostén que o afundimento se debeu a este erro humano do capitán pola "falta de percepción cabal del riesgo de hundimiento" que supoñía a manobra que realizou para librar o embarre do aparello do fondo mariño, coa mar e o vento de popa e a tolva de descarga de desperdicios aberta, "poniendo en grave riesgo la seguridad del buque y sus tripulantes
O capitán e a armadora figuran como investigado por 21 delitos de homicidio por imprudencia grave e outro contra os dereitos dos traballadores. No momento do naufraxio había 24 tripulantes e só salváronse tres, o capitán, o seu sobriño Eduardo Rial e o mariñeiro Samuel Kwesi.
Relacionadas:
-
A xuízo un grupo criminal dedicado á subtracción e venda por pezas de coches de alta gama
Por Oskar Viéitez |
-
O Supremo confirma as multas por abuso de dominio para tres navieras que condicionaban as reservas no cámping das Ons
Por Oskar Viéitez |
-
A armadora do Villa de Pitanxo acusa os peritos xudiciais de "aventurar" conclusións técnicas
Por Natalia Puga |
-
Os peritos xudiciais que analizaron o Villa de Pitanxo corroboran que houbo "erro humano" do capitán
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Ex mariñeiros do Villa de Pitanxo declaran que non lles asignaban traxes de supervivencia nin facían simulacros
Por Natalia Puga |
-
A expedición que localizou os restos do Villa de Pitanxo "alcanzou todos os obxectivos da inspección"
Por Alejandro Espiño |